Investigada a edil de Seguridade de Vigo na causa xudicial polo accidente do 'Saltamontes' en Matamá

O Saltamontes, instantes despois do accidente en Matamá. (Foto: Europa Press)

O xulgado cita como investigada a responsábel municipal de Seguridade de Vigo, Patricia Rodríguez Calviño, no procedemento aberto tras o falecemento dun home ao romper unha atracción nas festas de Matamá, no verán de 2024. A causa amplíase tamén a outros responsábeis técnicos e administrativos. Tras coñecerse a decisión do Tribunal de Instancia, o BNG emitiu un comunicado no que urxe o cesamento "inmediato" da concelleira.

O Tribunal de Instancia de Vigo, sección de Instrución, praza 3, vén de citar a declarar como investigada a concelleira de Seguridade da cidade, Patricia Rodríguez Calviño, no marco da causa xudicial aberta polo accidente mortal da atracción coñecida como 'Saltamontes' durante as festas da parroquia de Matamá, en agosto de 2024.

Xunto á edil, o xulgado chamou tamén en calidade de investigados o xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V. M., e o perito que realizou a inspección anual da atracción, Antonio L. A. As tres persoas deberán comparecer o vindeiro 3 de febreiro. Até o de agora, na causa figuraban como investigados o propietario da atracción e o presidente da comisión de festas, así como a propia comisión organizadora.

O accidente produciuse na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando rompeu un dos brazos do Saltamontes. Como consecuencia, un home de 36 anos, Iván C. H., caeu ao baleiro e sufriu feridas de gravidade que lle causaron a morte.

Ao longo da instrución, a xuíza requiriu diversa documentación ao Concello para esclarecer se se adoptaran medidas para impedir o funcionamento da atracción, que carecía de autorización municipal, e se se incoara algún expediente sancionador. Tamén solicitou explicacións sobre a ausencia dun plan municipal de inspección de atraccións festivas e sobre os motivos polos que se prohibiu a instalación deste tipo de elementos nas festas do verán de 2025.

Tres días despois do sinistro, o Goberno local confirmou mediante un comunicado que o Saltamontes non fora autorizado por falta de documentación, circunstancia que, segundo indicou, fora comunicada tanto ao dono da atracción como á comisión de festas. Posteriormente, o executivo que preside Abel Caballero asegurou que a Policía Local inspeccionara a zona o día anterior ao accidente sen detectar actividade nesa atracción.

O BNG pide o cesamento da concelleira

Desde a oposición, PP e BNG reclamaron explicacións á concelleira de Seguridade e cuestionaron que a Policía Local non precintara o Saltamontes se, como recoñeceu o Concello, carecía de permiso. O PP chegou a solicitar a creación dunha comisión de investigación municipal, proposta que só contou co apoio do BNG e foi rexeitada polo grupo socialista, que apelou a respectar o desenvolvemento da investigación xudicial.

Tras se coñecer a decisión do Tribunal de Instancia de Vigo, a formación nacionalista fixo público un comunicado no que considera que se confirma existencia de "indicios sólidos de responsabilidade municipal" nun contexto de control neglixente. O BNG lembra que a propia Fiscalía sinala a inexistencia dun protocolo municipal de inspeccións e tamén a falta dunha instrución clara que ordenase o precinto da atracción, unha vez constatado que non reunía as condicións exixidas pola normativa para a súa autorización.

A formación nacionalista considera que esta situación se ve agravada pola negativa reiterada da concelleira a dar explicacións perante o Pleno municipal, o que cualifica como "537 días dun silencio inaceptábel", así como polo bloqueo do Goberno local á creación dunha Comisión Especial de Investigación, solicitada polo BNG para esclarecer os feitos e depurar responsabilidades. Nestas circunstancias, a formación entende que Patricia Rodríguez Calviño debería ser cesada de maneira inmediata.

Finalmente, o BNG anunciou que está a preparar unha moción de urxencia que rexistrará nos próximos días para o seu debate no Pleno convocado para a vindeira segunda feira. Nela, exixirá a asunción de responsabilidades políticas por parte do Goberno municipal e volverá reclamar unha investigación a fondo no ámbito local, co obxectivo tanto de contribuír ao esclarecemento do ocorrido como de definir medidas adicionais que eviten que un suceso semellante poida repetirse no futuro.