mércores 22/09/21

Integración de Isca! en Galiza Nova

A mocidade do BNG únese nunha soa fronte común.

Galzia Nova Isca

Galiza Nova e Isca! veñen de asinar na mañá desta terza feira a integración de Isca! no seo de Galiza Nova. As dúas organizacións declararon que a coincidencia nas súas análises sobre as problemáticas da mocidade foron claves á hora de acadar este acordo. Consideran que o presente político de Galiza amosa que “a mocidade do país vive desde a crise do 2008 un proceso de erosión social e económica que a actual crise sanitaria viu a agravar”.

Paulo Ríos, secretario xeral de Galiza Nova, referiuse "ás altas taxas de desemprego xuvenil, á emigración forzada ou ao desmantelamento paulatino de servizos públicos básicos, como o ensino, a saúde ou o transporte”, aos que suma “o embate do Estado Español contra os dereitos e as liberdades políticas máis básicas".

Pola súa banda Daniel Barral, de Isca! considera que "o panorama actual fai que sexa preciso unirmos forzas e facermos fronte común", pois, segundo considera "a mocidade nacionalista organizada debemos xogar a nosa parte".

Defendeu a República Galega “como único futuro posíbel para a mocidade para alén de ser o “único” a través do cal "conducir todas as loitas", facendo fincapé na loita de clase, o feminismo, a loita LGBT, o antiimperialismo e "calquera outra loita contra a opresión ou discriminación".

Na rolda de prensa sinalaron que coa sinatura deste acordo a mocidade que participa do BNG pasará a estar integrada nunha soa fronte común, consolidando Galiza Nova como a organización política referencial para  a mocidade galega.

comentarios