Inés Arrimadas abandona a política tras a contundente derrota electoral de Ciudadanos

"A política debe ser só unha etapa na vida das persoas, e todas as etapas empezan e acaban", sinala a ex dirixente da formación laranxa.
A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, compareceu esta quinta feira para anunciar o seu abandono da primeira liña política. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, compareceu esta quinta feira para anunciar o seu abandono da primeira liña política. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, anunciou esta quinta feira a súa decisión de abandonar a política, após o fracaso do seu partido nas eleccións locais do pasado domingo e a consecuente decisión de non presentar listas nas estatais do vindeiro 23 de xullo. Desde a sala de prensa da Cámara Baixa, afirmou que marcha tras dar os seus mellores anos a Ciudadanos, mais matizando que "a política debe ser só unha etapa na vida das persoas, e todas as etapas empezan e acaban".

A tamén ex presidenta da formación laranxa, que durante a súa intervención asumiu cometer "erros" no pasado e tamén reivindicou os "acertos", asegurou que "non hai maior honra que representar a millóns de españois" no que definiu como "un período crucial na historia de España".

Así, agradeceu a Ciudadanos, "ese proxecto imprescindíbel", por darlle a oportunidade de representalo, a Albert Rivera e ao resto de compañeiros cos que viviu "cousas inimaxinábeis, boas e malas". Tamén deu as grazas aos seus compañeiros do Parlament de Catalunya e aos membros do grupo parlamentario do Congreso, mencionando expresamente a Guillermo Díaz, o único que a apoiou nas primarias e a quen considera "o mellor deputado e o mellor portavoz". E, en cambio, evitou mencionar o seu portavoz adxunto, Edmundo Bal, que discrepou con ela nas últimas decisións relevantes do partido.

Máis aló dos agradecementos aos seus "adversarios políticos", dos que di ter "aprendido", Arrimadas reservou un oco especial na súa despedida a Catalunya, a terra onde se "comprometeu politicamente", reivindicando que Ciudadanos "alzou a voz, rompeu o silencio e enfrontouse ao réxime nacionalista".

Tamén repasou outros fitos de CS, como "desaloxar o PSOE" da Xunta de Andalucía grazas ao seu pacto co PP e "gobernar en moitos lugares de España, facéndoo ben, con gran recoñecemento social e sen unha mancha de corrupción". Por último, garantiu que mantén o seu "compromiso" cos principios que defende o partido. "Por esta España de libres e iguais vou seguir loitando", concluíu.

A decisión de Arrimadas chega despois do fracaso electoral do pasado domingo, cando o partido desapareceu de todos os parlamentos autonómicos en liza e perdeu nada menos que 85% dos edís que lograra en 2019. Esta desfeita levou a dirección do partido a renunciar a presentarse ás eleccións estatais do 23 de xullo co obxectivo de "rearmarse" para futuros comicios.

Inés Arrimadas foi unha das dirixentes que apostou por non presentar listas nas eleccións de xullo, unha decisión criticada, entre outros, por Edmundo Bal, que a acusa de exercer de presidenta na sombra e de ter un proxecto persoal á marxe de Ciudadanos. Na súa comparecencia, a ex presidenta volveu defender esa renuncia: "É difícil pero responsábel con España, e intelixente para o espazo de centro liberal", sinalou.

Comentarios