As incógnitas das forzas políticas cara ao 5 de abril

Cando fican dez días para o remate do prazo legal para rexistrar coalicións electorais de cara aos comicios galegos son moitas as incógnitas por resolver. A un lado, a inédita división da dereita, ao outro, a reformulación do espazo de ruptura e, no medio, as dúbidas de nacionalistas e socialistas.

Votacións 10N. Eleccións estatais. BNG (13)
photo_camera Votacións nun colexiomelectoral na Galiza.
A dereita enfróntase a un panorama descoñecido. Malia o interese do Partido Popular por presentarse como a única opción dentro dese espazo político con probabilidades de lograr representación no Parlamento da Galiza, a realidade é ben diferente. Vox, o partido de dereita liderada por Santiago Abascal, atópase en disposición de disputar escanos nas circunscricións da Coruña e Pontevedra e de sentar deputadas na cámara galega. As diversas enquisas coñecidas na última semana confirman as posibilidades electorais desta formación, que leva meses preparando a cita electoral galega a través dun grupo de traballo da súa dirección executiva encabezado polo propio Abascal.

A competencia no espazo da dereita nunca foi tan forte na Galiza. A maiores da candidatura de Vox -cuxo secretario xeral, Javier Ortega Smith, comprometeu o apoio do seu partido á continuidade de Alberto Núñez Feixoo no caso de non sumar maioría absoluta-, as populares terán enfronte unha lista de Ciudadanos. A negativa do presidente galego a trasladar ao país a fórmula España Suma ou Mejor Unidos, defendida por Pablo Casado e Inés Arrimadas para Euskadi, Catalunya e Galiza, levou a Ciudadanos a anunciar a presentación de candidatura. Así as cousas, cómpre remontarse a 1989, ano do desembarco de Manuel Fraga na política galega, para atopar un espazo tan fraccionado na dereita.

Feixoo está moi preocupado pola división do espectro da dereita. As dirixentes populares son conscientes das consecuencias da fragmentación do voto e teñen moi presentes os resultados dos últimos comicios estatais, onde a fenda do espazo político en tres candidaturas situou o PP en mínimos históricos e colocou a esquerda en condicións de conformar un Goberno alternativo na Xunta.

Nesta liña, as populares veñen facendo xestións para incorporar ás súas candidaturas persoas procedentes doutras formacións do seu ámbito ideolóxico, entre as que destacan adherentes de Democracia Ourensá, organización que nesta ocasión apoia o PP e militantes críticas de Ciudadanos.

Luís Villares volve presentarse

Luís Villares concorrerá outra vez ao Parlamento da Galiza. A dirección da súa formación prevé, a día de hoxe, dúas fórmulas para presentarse aos comicios e agarda á fin de semana para facer pública a alternativa definitiva. A primeira das propostas pasa por nunha coalición liderada por En Marea, con presenza de representantes de organizacións e personalidades do ámbito do galeguismo. No caso de non callar esta alternativa, a opción é acudir en solitario ás eleccións, "avaladas", segundo sinalan a Nós Diario fontes da mesma, "por un traballo serio e rigoroso na Cámara galega, que posibilitou facer moitos contactos e ampliar a simpatía cara á nosa alternativa na sociedade".

Anova, Esquerda Unida, Podemos e as candidaturas municipalistas da Coruña, Ferrol, Compostela e Vigo traballan para concretar unha coalición. As persoas coñecedoras das ne gociacións, consultadas por Nós Diario, afirman que "as conversacións entre as diferentes partes están máis adiantadas do que se traslada á opinión pública, existindo unha coincidencia plena na diagnose da situación polo conxunto dos actores e tamén na vontade de acudir baixo unha mesma marca ás eleccións". As mesmas fontes recoñecen a existencia "de dificultades menores, propias de calquera negociación deste tipo, procedentes dalgúns sectores de Podemos e de Anova, que moitas veces funcionan con posición de parte".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios