Unha ILP impulsada pola CIG reclama a tarifa eléctrica galega

A central sindical nacionalista rexistou a proposta na que reclaman medidas para "garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética".

Suso Seixo
photo_camera [Imaxe CIG]

A Confederación Intersindical Galega (CIG) rexistrou no Parlamento esta terza feira (19 de maio) unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na que propoñen a creación dunha tarifa eléctrica galega. Unha cuestión que, explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, responde ao carácter "estratéxico" do sector para un país como o galego que exporta "arredor do 40%" da electricidade que produce. 

Porén, malia estas cifras, Galiza non se ve compensada en termos económicos e ambientais, denuncian desde a central sindical. Neste senso, salientou Seixo, "que sexamos produtores ten unhas repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental porque detrás da produción temos vales fértiles asolagados, desprazamento de poboación e contaminación derivada da actividade das centrais térmicas". 

 "Que sexamos produtores ten unhas repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental"

Fronte á pobreza enerxética

Para a CIG, é preciso que desde o goberno galego se impulsen medidas compensatorias que, dunha banda, abaraten o custo da enerxía facilitando "a instalación de industrias no noso país" ao tempo que garanta "o acceso da poboación a este ben básico". 

Neste senso, Seixo lembrou que “nestes momentos, e como consecuencia da crise económica, hai unha parte importante da poboación, en torno a un 18%, que está en situación de pobreza enerxética e ten moitas dificultades para pagar enerxía sobre todo nos meses de inverno”.

Fronte á tarifa única fixada polo Estado español, desde a CIG reclaman unha tarifa diferencial para Galiza como xa existe noutros territorios desde 2013, como Euskadi. "O lóxico sería, polo tanto, que sendo produtores e excedentarios  os galegos e galegas puidésemos gozar dunha tarifa eléctrica máis baixa", sinalou. 

Comentarios