Goretti Sanmartín lidera en París a aprobación dun protocolo estatal para loitar contra o vandalismo en bens culturais

Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, o 12 de maio en París. (Foto: Concello de Salamanca)
A alcaldesa de Compostela confirmou ao director do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, Lazare Eloundou Assomo, que o grupo compartirá esta folla de ruta no próximo Comité de Patrimonio Mundial, co obxectivo de que a Declaración de Salamanca teña proxección internacional.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade do Estado español aprobou en París (Francia) a 'Declaración de Salamanca', un protocolo para combater o vandalismo contra o patrimonio cultural que inclúe un catálogo de sancións para faltas e delitos.

Este protocolo ten como obxectivo estabelecer unha resposta uniforme ante os ataques ao patrimonio cultural, reducir a disparidade de criterios e garantir maior seguridade xurídica.

O documento contempla unha serie de medidas, que inclúen sancións por infraccións e delitos contra o patrimonio, así como un sistema para calcular o custo da restauración dos danos causados, utilizando coeficientes específicos que se aplicarán baixo unha nova regulación.

A denominada Declaración de Salamanca, en colaboración co Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, é resultado das xornadas decorridas os días 3 e 4 de abril na cidade salmantina e foi acordada nunha reunión liderada pola presidenta da delegación e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín.

Á súa vez, Sanmartín confirmou ao director do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, Lazare Eloundou Assomo, que o grupo compartirá esta folla de ruta no próximo Comité de Patrimonio Mundial, co obxectivo de que a Declaración de Salamanca teña proxección internacional.

A declaración incorpora variábeis como o nivel de protección legal, o tipo de dano, a súa reparación, o valor económico, histórico, artístico ou identitario, entre outros. Para a valoración dos atentados contra o patrimonio, o protocolo estabelece unha serie de criterios ponderábeis, como o valor histórico, estético, de uso, de antigüidade, de identidade ou ambiental. En función do tipo de ben afectado, a ponderación pode alcanzar 100% nos casos de bens de interese cultural (BIC) ou Patrimonio Mundial.

Asemblea xeral na Embaixada

A delegación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade mantivo unha asemblea xeral na sede da Embaixada na capital gala, tras a visita ao Centro de Patrimonio Mundial Unesco. Na asemblea, presidida por Goretti Sanmartín, tamén participaron os alcaldes da comisión executiva, integrada por José Mazarías (alcalde de Segovia, vicepresidente primeiro do grupo e presidente da Comisión de Patrimonio); Rubén Viñuales (alcalde de Tarragona, vicepresidente segundo do grupo e presidente da Comisión de Cultura, Educación e Deporte), ademais de Carlos Velázquez (alcalde de Toledo).

Tamén formaron parte da asemblea e a delegación do grupo en París os alcaldes e alcaldesas de Alcalá de Henares (Judith Piquet); Ávila (Jesús Manuel Sánchez Cabrera), Baeza (Pedro Javier Cabrera), Cáceres (Rafael Mateos), Cuenca (Dario Dolz), Eivissa (Rafael Triguero), Mérida (Antonio Rodríguez Osuna), Salamanca (Carlos García Carbayo) e Úbeda (Antonia Olivares).

A todos e todas elas uníronse as concelleiras de Córdoba (Lourdes Morales); Segovia (May Escobar), Toledo (Ana Pérez) e Úbeda (María del Carmen García), así como a secretaria xeral do grupo (Rosa Ruiz Entrecanales) e o xerente do grupo (Javier Martín Arroyal).