Gonzalo Caballero descarta presentarse ás primarias do PSdeG: "Non se dan as condicións"
O que fora xefe de filas do PsdeG entre 2017 e 2021, Gonzalo Caballero, descartou presentarse ás primarias da formación para renovar a súa dirección ao considerar que "non se dan as condicións" pola acumulación de cargos do aparello ao redor da candidatura de José Ramón Gómez Besteiro, un feito que considera que impide que o partido poida afrontar a renovación que necesita.
Así o explicou en declaracións aos medios esta quinta feira na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, onde sostivo que "o cambio que non é posíbel liderar nestes momentos, será posíbel nos próximos porque o derrubamento electoral non pode ser persistente de forma continua".
O político vigués, que compareceu ante a prensa acompañado de militantes, cualificou de "desastre" a situación actual do partido mais incidiu en que "a concentración de altos cadros municipais e provinciais", así como de Ferraz ao redor da candidatura de Besteiro supoñen un "tapón" para que poida producirse a renovación que o PSdeG necesita para conectar coa cidadanía.
