Leiceaga e Villoslada, segundo e terceiro

Gonzalo Caballero, en cabeza após a recolla dos avais

Gonzalo Caballero

O primeiro test das primarias do PSdeG, a recolla dos avais, ten un vencedor momentáneo, á espera de que as asinaturas sexan verificadas pola organización. Gonzalo Caballero conseguiu o apoio de por volta de 2.600 militantes, o que o coloca por diante de Xoaquín Fernández Leiceaga (arredor de 2.300) e Juan Díaz Villoslada (sobre 2.200).

Economista. Sobriño e inimigo íntimo do alcalde de Vigo. Tertuliano no seu momento de Voz Televisión. E neste momento máximo favorito a gañar as primarias do PSdeG, após superar en cabeza a primeira peneira do torneo de precandidatos (xa candidatos ao superar o mínimo de asinaturas exixido). Gonzalo Caballero rexistou esta cuarta feira na sede do PSdeG arredor de 2.600 avais. Con 300 menos chegou a esta meta parcial da carreira Xoaquín Fernández Leiceaga, en tanto que Juan Díaz Villoslada ficou en terceira praza con por volta de 2.200.

 

É certo que nas primarias do PSOE Pedro Sánchez obtivo menos avais do que Susana Díaz e, en troca, despois gañou a votación interna con bastante comodida, mais a situación non é extrapolábel a Galiza. En teoría, o candidato que dispón do apoio do aparato galego -se por aparato galego entendemos a xestora que lidera Pilar Cancela- sería Juan Díaz Villoslada. O ex xerente da UDC e recente parlamentar galego -estreouse no Pazo do Hórreo nesta lexislatura- parte agora con clara desavantaxe, primeiro porque non ten a potencia mediática de Sánchez e segundo porque non cabe desbotar un acordo de unificación de candidaturas entre Leiceaga e Caballero.

 

En todo caso, o apertado do resultado entre Caballero e Leiceaga é un factor que podería levar a que a converxencia entre estas dúas candidaturas finalmente non se produza -os dous poderían aspirar lexitimamente a liderala-, o que abriría certas opcións a un Villoslada que a día de hoxe continúa a ter como hándicap un grao de coñecimento menor do que os seus rivais no seo da militancia do partido.