CRITICA BREOGáN RIOBóO

Gómez Reino esfórzase en negar que foron as presións de Madrid as que disolveron a dirección galega

Gómez Reino, o terceiro pola esquerda

Máis un capítulo na crise interna de Podemos na Galiza. O deputado Antón Gómez Reino afánase en negar que a disolución da dirección galega de Podemos se debeu ás presións exercidas desde Madrid.

Por “petición expresa de parte importante dos cargos orgánicos”. Así xustificou Antón Gómez Reino, man dereita de Pablo Iglesias na Galiza, a disolución da dirección galega de Podemos. Negou, en repetidas ocasións diante dos medios de comunicación, que o desmantelamento da cúpula galega de Podemos se debese ás presións de Madrid.

O deputado explicou que a xestora da que é máximo responsábel o senador García Buitrón foi creada dado o que chamou “situación de bloqueo do diálogo que hai en Podemos” na Galiza. Ademais, criticou que o aínda secretario xeral, Breogán Riobóo, estiver “completamente fechado a calquera tipo de diálogo” e "nun percorrido diferente" . “Atopabámonos nunha situación na que se impugnaba sistematicamente o que era votado democraticamente”, explicou.

Preguntado polas eleccións primarias para a designación da Secretaría Xeral, Gómez Reino non desbotou presentarse. Así, asegurou que está “para todo o que poida en Podemos Galiza. E se a partir de aí se entende que eu podo achegar calquera cuestión, sexa de menor ou maior relevancia, pois estarei disposto a valoralo”.

En Marea

Gómez Reino ofreceu estas declaracións após a conferencia de imprensa na que En Marea instou o PSOE a impulsar "un goberno de cambio e realmente progresista", algo que, advertiu Alexandra Fernández, portavoz de En Marea, é "incompatíbel" cun proxecto do que forme parte Ciudadanos.

Alexandra Fernández criticou que o PSOE "só trate de gañar tempo para si mesmo" e lembrou que En Marea "segue coa man tendida na aposta en común cara a un cambio que derive nun proceso de transformación profunda".