Gómez Besteiro (PSdeG): “Rueda ten que pedir perdón por apoiar Altri”
O secretario xeral do PSdeG salienta que as decisións do Goberno estatal “puxeron feo” a Altri, “por non cumprir os stándares ambientais, sociais e económicos”; e anuncia que acudirán á vía xudicial para "esclarecer o acordo" da Xunta coa promotora da celulosa.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou o “carpetazo” ao proxecto de Altri como “unha vitoria para Galiza”, pois o país “nin quería nin necesitaba ese proxecto”. “É un fracaso da política industrial de Alfonso Rueda, Altri era o seu mascarón de proa”, manifestou o socialista para o que o presidente da Xunta da Galiza “debe de pedir perdón polo seu apoio a este proxecto frustrado”.
O secretario xeral do PSdeG anunciou que o Grupo Socialista acudirá á vía xudicial para "esclarecer o acordo do PP" coa empresa que promove Altri e insiste na creación dunha comisión de investigación coas comparecencias de Rueda, Núñez Feixoo e o ex conselleiro de Industria, Francisco Conde.
O secretario xeral exixiu “transparencia inmediata” e reclamou explicacións sobre “que compromisos concretos adquiriu a Xunta coa empresa nese pacto secreto que se nega a ensinar”. Preguntou tamén que incentivos, garantías públicas ou promesas económicas, fiscais ou administrativas se puxeron enriba da mesa e canto lle pode custar esta aposta fallida ás arcas públicas, “é dicir, a todos os galegos e galegas”.
Neste sentido, afirmou que a marcha atrás da Xunta foi consecuencia directa das negativas do Goberno español. Enumerou o “triplo non” ao proxecto: aos PERTE de descarbonización, ás axudas extraordinarias e á súa inclusión na planificación eléctrica 2025-2030. Esta última decisión, subliñou, foi determinante ao impedir a súa conexión á rede eléctrica.
“Foi o Goberno estatal quen paralizou este proxecto formulado polo Partido Popular”, afirmou, e criticou que, malia esas negativas, a Xunta mantivese durante meses unha expectativa arredor dunha iniciativa que “hoxe cae definitivamente”.

