Gómez Besteiro acusa o PP de "mentir" coa lei de mobilidade e asegura que Galiza será unha das autonomías máis beneficiadas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou esta segunda feira o Partido Popular de "mentir" coa Lei de Mobilidade Sostíbel, aprobada no Congreso a pasada semana, e asegurou que "poucas comunidades como a galega se van beneficiar tanto con esta norma".
En rolda de prensa, Gómez Besteiro afirmou que esta norma "marca unha época", "gústelle a algúns ou non", xa que suporá "blindar todas as paradas de autobuses e a mobilidade que vai haber na Galiza".
Unha cuestión que contrasta coas denuncias do PP de que esta norma suporá eliminar paradas, o que cualifica de "absoluta irresponsabilidade" por "mentir" e "alarmar". Así, o socialista sostivo que suporá garantir dereitos para o rural e financiar servizos, polo que "ningún goberno poderá suprimir" paradas existentes ao estar "garantidas por lei". "Non se suprime ningunha parada", insistiu.
De feito, dixo que desde a formación popular "tentan confundir á xente" ao "ocultar algo máis grave, que a Xunta da Galiza nin sequera respondeu á proposta que fixo o Estado para integrar as liñas dependentes do Ministerio en toda a rede galega de transporte", o que "permitiría mellorar a eficiencia dos percorridos" cun sistema "moito máis útil".
Ademais, botou en cara ao Partido Popular que votase en contra coa intención de "bloquear" 10.000 millóns de euros de fondos comunitarios vinculados á mobilidade, destinados a mellorar liñas de tren e servizos interurbanos.
"Fracaso" do transporte da Xunta
Así mesmo, o líder do PSdeG cargou contra o "fracaso" do transporte que xestiona a Xunta, "que fai o que lle dá a gana". Recriminou que o transporte do Goberno galego "é un verdadeiro caos", e que "a propia Valedora do Pobo o leva meses denunciando".
Ademais, o secretario xeral da formación socialista alertou de que hai buses que "non chegan", servizos suprimidos "sen aviso", viaxeiros e viaxeiras que teñen que ir de pé, vehículos "vellos", horarios "imposíbeis" e "denuncias constantes".
Emendas do BNG
Precisamente, a pasada semana, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reivindicou "os avances decisivos" conseguidos pola formación nacionalista a través das súas emendas á futura Lei de Mobilidade Sostíbel que permitirán "mellorar o sistema de transportes da Galiza, garantir máis servizos públicos e un maior respecto pola realidade territorial galega e as súas competencias".
Rego salientou que as melloras introducidas son "froito do traballo constante, firme e rigoroso do BNG en defensa dos intereses da Galiza e dos galegos e galegas". "Co BNG, Galiza gaña. Gañan os dereitos da cidadanía, gaña a mobilidade sostíbel e gañamos todas e todos cun modelo de transporte que atende ás necesidades reais da nosa xente e do noso territorio", afirmou o representante nacionalista.