"Gobierno de rojos, época de piojos": Atacan a escultura do alcalde republicano de Arzúa asasinado polos franquistas

Monólito en lembranza de Juan Vidal en Arzúa tras ser atacado. (Foto: Concello de Arzúa)

A maña deste domingo 26 de outubro apareceu con pintadas ofensivas a escultura que no concello da Arzúa (comarca homónima) lembra Juan Vidal, alcalde republicano da localidade asasinado polos fascistas en setembro de 1936.

As pintadas con mensaxes de extrema dereita e reaccionarias sucédense no municipio de Arzúa nas últimas semanas. Nesta ocasión, a vítima das mesmas foi Juan Vidal García, último alcalde republicano da localidade, fusilado polos fascistas en Compostela en setembro de 1936.

A escultura que no centro da localidade lembra esta vítima do franquismo apareceu na mañá deste domingo 26 de outubro cunha lenda que di "Gobierno de rojos, época de piojos".

O Goberno local de Arzúa emitiu un comunicado onde "manifesta o seu rexeitamento absoluto e a súa profunda preocupación polo acto vandálico cometido contra a escultura de Juan Vidal, alcalde de Arzúa fusilado polo fascismo no ano 1936".

"Ataque fascista"

O Executivo de Arzúa considera que se "trata dun ataque fascista en toda regra, unha agresión contra o noso patrimonio colectivo e contra a memoria democrática que representa a figura de Juan Vidal e outras persoas que foron represaliadas pola ditadura franquista no noso concello".

O Goberno municipal expresa o "o noso apoio e solidariedade coa familia de Juan Vidal e coa de todas as persoas represaliadas en Arzúa así como con todas as persoas que manteñen viva a memoria das vítimas da represión franquista".

A represión franquista foi moi dura no concello da Arzúa. No caso da familia de Juan Vidal afectou, tamén, a súa muller, Alicia Viaño, suspendida como mestra após o golpe de Estado de 1936 e desterrada á localidade de Astorga, na comarca da Maragatería.

"Arzúa non pode nin vai permanecer calada"

"Arzúa non pode nin vai permanecer calada ante actos que pretenden sementar o odio e borrar a nosa historia", avanzan desde o Goberno local, que considera as vítimas da ditadura como " símbolo do compromiso coa liberdade e coa xustiza social"

O Executivo de Arzúa asegura que "actuará de inmediato para restaurar a escultura e pór os feitos en coñecemento das autoridades competentes, co obxectivo de que se investigue o sucedido". Neste sentido, reafirma o "compromiso coa memoria democrática, coa convivencia e cunha Galiza libre de intolerancia e de esquecemento".