Os gobernos de Rueda e Ayuso son os que menos invisten do Estado en Atención Primaria
O Ministerio de Sanidade vén de publicar a Estatística de Gasto Sanitario, un informe que volve confirmar as tendencias en materia de financiamento do sistema de saúde do Estado nos últimos anos. Precisamente onte o persoal do Hospital da Mariña, en Burela, mobilizábase para reclamar máis medios.
A Estatística de Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade volve situar un ano máis Galiza nos últimos postos do Estado en investimento sanitario. O documento, divulgado a pasada semana polo Goberno español, analiza os recursos destinados polas administracións públicas competentes na materia ao mantemento do sistema de saúde en 2023, último ano con cifras. O traballo está considerado como o documento de referencia para coñecer as magnitudes financeiras do sistema sanitario e elabórase cunha metodoloxía semellante para todos os Estados da Unión Europea, tomando como referencia a última liquidación orzamentaria fechada.
11,8% do gasto sanitario
Galiza destinou a Atención Primaria 11,8% dos fondos sanitarios dos orzamentos de 2023. A contía representou un investimento inferior en 2,1 puntos porcentuais á media estatal, situada en 13,9%, e quedou moi por baixo daquelas territorios cun gasto sanitario máis elevado. Nesa anualidade, o primeiro nivel asistencial percibiu na Rioxa 16,7% do gasto sanitario total en Andalucía 16,4%, en Castela e León e Castela-A Mancha 15,3% e en Estremadura 15,2%. A este respecto, sindicados do sector da saúde e profesionais levan anos denunciando que o investimento real en Atención Primaria na Galiza é máis baixo ao incluírse no mesmo determinadas partidas de gasto farmacéutico.
O investimento en Atención Primaria rexistrou unha nova baixada en 2023. Neste sentido, os fondos dedicados a este nivel asistencial caeron unha décima porcentual en relación coa anterior anualidade, cando ficou en 11,9%, incrementando a fenda coas recomendacións estabelecidas polos organismo internacionais. Así, por exemplo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) apostan por destinar a Atención Primaria 25% do orzamento sanitario e explican que un axeitado financiamento deste servizo reduce o gasto sanitario total.
A caída do investimento en Atención Primaria foi denunciada polo Consello de Contas da Galiza, ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego. O organismo, no seu Informe de fiscalización da conta xeral do Servizo Galego de Saúde. Exercicio 2023 -publicado o pasado 1 de abril-, apuntou que nesa anualidade o Goberno galego derivou á Atención Especializada 170 millóns de euros destinados nos orzamentos a Atención Primaria. Na mesma dirección, destacou que “se observa que se reducen os créditos de Atención Primaria fronte ao incremento dos de Atención Hospitalaria practicamente na mesma contía”.
O informe de Contas sinala que a Atención Primaria concentrou o groso dos recortes en materia sanitaria. A este respecto, no seu estudo da execución orzamentaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en 2023, concluíu que “o gasto creceu 8,6% respecto do exercicio 2022. Destacan de xeito especial os investimentos realizados que se duplicaron respecto do exercicio anterior e que se concentraron na Atención Hospitalaria, mentres que a Atención Primaria contou con menos investimento e un grao de execución sensibelmente inferior”. O grao de investimento en Primaria condiciona a calidade e a eficiencia do sistema sanitario. Así, por exemplo, os estudos da OMS amosan que ter o mesmo médico de familia durante 15 anos reduce 30% o uso dos servizos de urxencias, 28% as hospitalizacións e 25% a mortalidade.
O modelo de Díaz Ayuso
Só Madrid investiu menos diñeiro en Primaria que a Galiza. Así, a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso dedicou 10,7% do orzamento sanitario á Primaria, tras fechar o exercicio cunha caída dunha décima porcentual do gasto neste nivel asistencial.
Madrid e Galiza ocupan os mesmos lugares definidos no último informe desde o ano 2021, en que o investimento en Primaria das Illes Balears superou o do país. Precisamente, até esa anualidade e desde 2011, a Galiza ocupou o antepenúltimo lugar en investimento en Primaria. Ese escaso investimento contrasta co elevado custo da prestación sanitaria na Galiza.
A isto, contribúe de modo decisivo a realidade demográfica do país, cunha poboación moi envellecida, e unha realidade xeográfica marcada pola dispersión territorial e a gran cantidade de núcleos de poboación, que obriga a manter unha rede asistencial máis ampla.
Hospital da Mariña
O Hospital da Mariña, no concello de Burela, acolleu onte unha mobilización para denunciar os recortes de persoal neste centro sanitario. A protesta, convocada pola xunta de persoal, reclamou a cobertura das prazas vacantes que o Servizo Galego de Saúde mantén sen cubrir desde practicamente hai un ano e que está provocado a derivación de pacientes da Mariña cara a centros hospitalarios da cidade de Lugo. A este respecto, o presidente da xunta de persoal, Adolfo Corral, cualificou a situación do Hospital da Mariña como “insostíbel”
Corral explicou a Nós Diario que “a practica totalidade das especialidades do hospital rexistran vacantes”. Neste punto, avanzou que de “11 prazas na especialidade de Medicina Interna só están cubertas cinco, de cinco en Radioloxía tres, de tres en Cardioloxía unha, de tres en Uroloxía unha e tres de Dixestiva unha”.
O Goberno galego destina máis fondos a gasto farmacéutico que a Primaria
Os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade na última Estatística de Gasto Sanitario desvelan un sobrefinanciamento do gasto farmacéutico na Galiza. Neste sentido, confirman que os orzamentos de 2023 destinaron a investimento farmacéutico 16,5% do diñeiro total dedicado a sanidade nas contas públicas da Xunta da Galiza.
A porcentaxe significou un investimento 1,8 puntos superior á media estatal, situada en 14,7%, e ficou moi por arriba daqueles territorios cun sistema sanitario público máis eficiente, como Euskadi e Catalunya, que dedicaron, respectivamente, 11,2% e 11,7% do investimento sanitario total a esta cuestión.
O gasto farmacéutico na Galiza é superior ao que recollen documentos como a propia Estatística de Gasto Sanitario. Isto débese a que o Goberno galego incorpora como investimento en Atención Primaria as aplicacións orzamentarias destinadas ao pagamento de receitas sanitarias, cando estas deberían computar como gasto farmacéutico.
Os fondos destinados polo Goberno galego a gasto farmacéutico superan os destinados á Atención Primaria. Así, en liña coa tendencia dos últimos 15 anos, en 2023 destinou á Atención Primaria 11,8% do total do orzamento sanitario e ao gasto farmacéutico 16,5% Neste sentido, entidades como a ONG Intermon Oxfam explican que a capacidade de presión da industria farmacéutica está detrás do incremento do gasto sanitario e denuncian o seu poder para “forzar as lexislacións nacionais e internacionais para favorecer os seus intereses”.


