O Goberno mantén a súa "confianza" no fiscal xeral do Estado e descarta a súa dimisión

O Executivo estatal repróchalle ao Supremo que afirme sen probas que García Ortiz recibiu indicacións desde Presidencia do Goberno e pide respectar a "presunción de inocencia".
O fiscal xeral Álvaro García Ortiz acudiu declarar como investigado ante o xuíz Hurtado o pasado 29 de xaneiro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O fiscal xeral Álvaro García Ortiz acudiu declarar como investigado ante o xuíz Hurtado o pasado 29 de xaneiro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, afirmou que o Goberno mantén a "confianza" no fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, e descarta que teña que dimitir, despois de que o Tribunal Supremo acordase procesalo por un presunto delito de revelación de segredos. Torres fixo fincapé en que debe respectarse a "presunción de inocencia" do fiscal, así como os "pasos" da Xustiza e sinalou que houbo casos de persoas que acabaron en xuízo oral que finalmente foron "exoneradas", segundo indicou en declaracións ao programa Mañaneros de Televisión Española.

O ministro fixo estas declaracións despois de que esta segunda feira, o maxistrado do Tribunal Superemo Ángel Hurtado acordase procesar García Ortiz e a xefa da Fiscalía Provincial de Madrid, Pilar Rodríguez, por un presunto delito de revelación de secretos labor contra Alberto González Amador, parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.

O maxistrado baseouse principalmente na filtración do email onde o empresario ofrecíase a recoñecer delitos para pactar. Ademais, insiste en afirmar que actuou por "indicacións" de Presidencia do Goberno. Torres nega que o Goberno dese estas ordes e advirte de que cando se fai unha acusación deste tipo deben achegarse probas que ao seu xuízo non hai. "Cando se fai unha acusación determinada ten que haber sempre unha parte probatoria indispensable, e non a hai", indicou.

O ministro foi interrogado a respecto do auto xudicial no que o maxistrado incide en que a Fiscalía recibiu "indicacións" de Presidencia e "entrou nunha dinámica dun frenético intercambio de comunicacións entre distintos fiscais" para preparar unha resposta e deixar claro que a Fiscalía non ofrecera pacto algún.

Para o instrutor a finalidade era "gañar o relato a esa información por parte da Fiscalía, sobre unha cuestión de tan escasa relevancia como de quen xurdira a iniciativa para chegar a un acordo nun pacto de conformidade penal".

Aínda non hai un fallo

Ao ser preguntado sobre se é sostíbel que haxa un fiscal sentado no banco dos acusados, defende que polo momento non existe un fallo senón un proceso de instrución que culmina agora "no que houbo moita opinión sobre como se realizou". Por tanto considera que esta presunción de inocencia "hai que mantela ata o final".

Nesta mesma liña, Torres sostén que coñece "moitísimos casos" de compañeiros do PSOE e doutros partidos que pasaron por procesos xudiciais e finalmente as causas quedaron "en nada" e móstrase convencido que "vai saír a relucir toda a verdade" na nova fase do proceso xudicial que empeza agora, unha vez terminada a instrución.

Comentarios