A Xunta ve a súa débeda en mínimos malia superar xa os 12.000 millóns de euros
O Banco de España presentaba o pasado mes de marzo os datos da débeda pública das comunidades autónomas correspondentes a 2025. Os mesmos sitúan a débeda galega a 31 de decembro do pasado ano en 12.010 millóns de euros, estando formalizada na súa maior parte coas entidades de crédito, o que explica os elevados xuros pagados polo Goberno galego.
A débeda pública incrementouse un ano máis. Se en 2024 fechou en 11.936 millóns de euros en 2025 acabou en 12.010 millóns de euros. Estes datos sitúanse en liña coa tendencia iniciada á volta de 2009 coa chegada do PP á presidencia do Goberno galego, que elevou en 16 anos a débeda galega en 8.056 millóns de euros.
Porén, en confrontación aos datos do Banco de España, o secretario xeral Técnico e do Tesouro da Consellaría de Facenda e Administración Pública, David Cabañó, salientou esta terza feira na Comisión 3ª de Economía e Facenda do Parlamento da Galiza que o dato da débeda pública é o mellor desde 1994 e que "nunca antes pesou tan pouco a nivel estatal".
Tanto a deputada do BNG Noa Presas, como a do PSdeG Patricia Igrexas lembraron que a débeda galega "triplicouse" desde que o PP chegou á Xunta, advertindo do rexeitamento dos populares á quita da débeda ofrecida polo Goberno estatal. Para Presas "o problema non é a débeda", senón que se fai con ela, criticando que se "recorten" servizos básicos como a Atención Primaria. Pola súa parte Igrexas emprazou ao Goberno de Rueda a "defender Galiza aceptando a quita de 4.000 millóns de euros de débeda".
O Goberno de Rueda continúa rexeitando a condonación de 4.010 millóns de débeda que puxo sobre a mesa o Goberno estatal, logo do acordo de investidura entre o PSOE e o BNG. A quita chegou a ser aprobada e Consello de Ministros e tramitada nas Cortes Xerais do Estado.

