O Goberno estatal recorre a norma galega de repotenciación eólica e vincular o grao de discapacidade e dependencia
Pon en cuestión estes dous puntos da última lei de medidas da Xunta daGaliza e promove a súa suspensión até que se dirima o conflito.
O Consello de Ministros aprobou esta terza feira o acordo que ratifica a intención do Goberno español que dirixe Pedro Sánchez de interpor un recurso de inconstitucionalidade contra dous preceptos relevantes da lei galega de medidas fiscais e administrativas que acompañou á lei de Orzamentos de 2024.
En concreto, os puntos en cuestión son os equivalentes a varios puntos da nova regulación eólica galega, incluída a obriga de repotenciar que fixaba a Xunta na súa última normativa. Mais o Goberno tamén manifestou dúbidas da legalidade do punto relativo a vincular o grao de dependencia e de discapacidade para axilizar axudas.
O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apuntara na pasada xornada que o Executivo central tería que tomar unha decisión no Consello de Ministros e remarcou que esta medida era "fundamental" dentro do plan de choque da Xunta para axilizar as prestacións para persoas en situación de dependencia.
A última resolución do Tribunal Constitucional en relación a un conflito de competencias do Goberno coa Galiza, pola lei do litoral, foi favorábel á comunidade.
O Goberno estatal lembrou que a Comisión Bilateral, no seo do procedemento previsto no artigo 33.2 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional, acordou iniciar negociacións en relación con sete artigos da lei galega sobre os que existían discrepancias competenciais, alcanzándose un acordo parcial sobre cinco deles, o que, recalca o Goberno "supón que máis de 70% da controversia liquidouse mediante o diálogo e o acordo entre administracións".
En concreto, en relación cos artigos 58, 72, 79, 89 e 97, evitouse o recurso mediante acordos e o compromiso por parte da comunidade de tratar certas modificacións lexislativas. Con todo, sobre os dous artigos restantes non se puido alcanzar un acordo (artigos 30 e 45) e solicítase, co ditame favorábel do Consello de Estado, recurso de inconstitucionalidade.
O Goberno estatal explica que as impugnacións relativas ao artigo 30 fundaméntanse na súa "incompatibilidade" coas regulacións estatais existentes en relación co sector eléctrico e, singularmente, en materia de enerxía eólica. Mentres, a impugnación relativa ao artigo 45 baséase "na invasión das competencias estatais en materia de regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais".
O foco está, neste caso, en relación coas situacións de dependencia e en materia de lexislación básica e réxime económico da Seguridade Social, "sen prexuízo da execución dos seus servizos polas comunidades autónomas en relación cos graos de discapacidade". O Goberno destaca, ademais, que a impugnación desta norma foi sometida a consulta da Avogacía Xeral do Estado e do Consello de Estado, que a avalou no seu ditame.

