O Goberno español propón que Teresa Peramato sexa a nova fiscala xeral do Estado

A elección de Teresa Peramato foi a proposta do ministro Félix Bolaños.
A fiscal Teresa Peramato. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
A fiscal Teresa Peramato. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Consello de Ministros e Ministras proporá esta terza feira que Teresa Peramato Martín sexa a nova fiscala xeral do Estado en substitución de Álvaro García Ortiz, quen presentou esta segunda feira a súa renuncia tras ser condenado a dous anos de inhabilitación polo Tribunal Supremo (TS), segundo informaron fontes gobernamentais. Peramato foi presidenta da Unión Progresista de Fiscais (UPF), asociación da que proveñen os seus dous antecesores.

A elección de Peramato, desde hai un ano fiscala de Sala Xefa da Sección Penal da Fiscalía do Tribunal Supremo, ademais de fiscala de Sala Delegada para a Protección e Tutela das Vítimas no Proceso Penal, foi a proposta do ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, segundo explican esas mesmas fontes.

Peramato é fiscala de carreira con 35 anos de exercicio e ten o "recoñecemento unánime" dos operadores xurídicos. Conta cunha ampla traxectoria especialmente en materia de loita contra a violencia de xénero. De feito, é considerada "unha das grandes impulsoras" da especialización xudicial nesta materia.

En 2005 foi nomeada fiscala delegada para a Sección de Violencia Sobre a Muller na Fiscalía de Madrid. Tamén foi membro do Grupo de Expertos do Observatorio Estatal de Violencia contra a Muller para a elaboración do primeiro informe anual do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller (2007). Así mesmo, ocupou o cargo de fiscala de Sala contra a Violencia sobre a Muller entre 2021 e 2025. Ademais, Peramato foi presidenta da Unión Progresista de Fiscais (UPF), de onde tamén proveñen os seus antecesores Álvaro García Ortiz e Dolores Delgado.

Este nomeamento ten lugar un día despois de que Álvaro García Ortiz presentara a súa renuncia como fiscal xeral do Estado tras ser condenado polo Tribunal Supremo (TS) a dous anos de inhabilitación para o cargo por un delito de revelación de segredos contra Alberto González Amador, a parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

O CGPX deberá emitir un informe

Unha vez que o Consello de Ministros e Ministras propoña Peramato como substituta de García Ortiz, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX) deberá emitir un informe, aínda que non será vinculante, segundo explicaron fontes gobernamentais.

Posteriormente, Peramato comparecerá ante a Comisión de Xustiza do Congreso e, unha vez que sexan realizados estes trámites, o Goberno español acordará o seu nomeamento definitivo como fiscala xeral do Estado.

Comentarios