O Goberno español non aclara que pasará se a flotilla é atacada e insiste en que non meterá o seu barco en augas declaradas de exclusión
O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, non aclarou esta cuarta feira que pasará se a flotilla de Gaza é atacada por Israel. Con todo, quixo deixar claro que o Goberno español chegou até onde podía e asegurou que o Executivo non vai meter o barco do Exército nas augas que Israel (sen soberanía sobre elas) declarou de exclusión.
O ministro explicou que o Executivo español pediu "por favor" á flotilla que non entre nas augas que Israel estabeleceu como de exclusión porque a "prioridade absoluta" é a seguridade dos e das integrantes da misión humanitaria.
Recalcou "toda a empatía" do Goberno español pola causa "xusta" que están a defender, mais tamén quixo deixar claro que o Executivo "non vai meter o barco (do Exército, chamado 'Furor') nesas augas" a pesar de recoñecer que Israel "se está saltando a legalidade internacional desde o minuto un".
Engade que o Executivo español ten que tomar as súas decisións e chegou até onde podía chegar, mais non quixo aventurar que pasará se a flotilla de Gaza é atacada ou se hai algunha vítima procedente do Estado español. A este respecto precisou que o Goberno fai todas as xestións diplomáticas que ten que facer, mais cre que "en política hai que ver un escenario e o outro".
"Eu dígolle cal sería o outro e iso non vai pasar", recalcou mais non quixo "aventurar" cal sería esoutro escenario. E ante a pregunta de que fará o barco do Exército español se os barcos da flotilla son esnaquizados no mar, se poderá rescatalos estando a unhas millas deles, Óscar López mostrou a súa esperanza de que iso non ocorra mais non quixo "facer quinielas".
Tampouco quixo precisar se un ataque aos barcos da flotilla sería tomado polo Goberno español como unha agresión ou que fará o Executivo no caso de que algún cidadán ou cidadá procedente do Estado español resulte ferida. "Non quero entrar a valorar eses escenarios, nin se me pasan pola cabeza", dixo. Ademais, deixou claro que non quere "escalar" nin facer "divagacións sobre escenarios posíbeis".
Plan de Trump
López sinalou tamén que o plan de paz proposto por Donald Trump non é unha solución definitiva porque "esta só chegará cando se recoñezan os dous estados", mais saúda a proposta porque cree que é prioritario que paren os bombardeos e o "xenocidio".
