O Goberno español di que o ditame da Comisión Europea sobre a AP-9 non elimina a prórroga e analizará interpor recurso
O Ministerio de Transportes asegurou que o ditame da Comisión Europea considera que a prórroga da concesión da AP-9 vulnerou as regras da Unión Europea (UE) en materia de contratación "non supón o final do procedemento nin a eliminación das prórrogas" e sinalou que analizará a resolución e esgotará "as opcións de resposta ademais da posibilidade, chegado o caso, de interpor os correspondentes recursos".
Así o apuntaron fontes do Ministerio de Transportes, que sinalan que a prórroga da concesión da autoestrada de peaxe AP-9 até 2048 foi aprobada no ano 2000 polo Goberno do PP presidido por José María Aznar. "Se estamos nesta situación, por tanto, é responsabilidade dos gobernos do PP", indicaron estas fontes.
Desde o departamento tamén indican que, "aínda que as políticas de mobilidade e reequilibrio territorial que actualmente defende este Goberno van na dirección contraria", desde o Ministerio "colaborouse e respondeuse a todos os requirimentos realizados pola Comisión Europea por responsabilidade e para velar polo interese común".
Ademais, o Ministerio de Transportes lembra que o Executivo liderado por Pedro Sánchez apostou por unha política de bonificación de peaxes desa autoestrada e, por iso, desde abril de 2025 hai un desconto do 100% da peaxe de retorno para vehículos lixeiros que realizan os seus traxectos de ida e volta en 24 horas.
Neste sentido, detalla que, "desde 2018 e até final xuño deste ano", os usuarios e as usuarias aforráronse máis de 375 millóns de euros ao circular pola autoestrada AP-9 a través de bonificacións directas ou limitando a suba das peaxes, tal e como se estabeleceu no acordo para a investidura de Sánchez entre o BNG e o PSOE.