Goberno español aproba unha moratoria nas hipotecas e prohibe cortar subministros a colectivos vulnerábeis

A Galiza despunta na suba do prezo da vivenda

Unha moratoria no pagamento de hipotecas para aquelas persoas que perderon o seu traballo ou viron reducidos os seus ingresos por mor do coronavirus. Esta é unha das medidas que o Goberno español  inclúe no Real Decreto que aproba o Consello de Ministros para facer fronte ao impacto económico e social da pandemia. Ademais, inclúe a prohibición de cortar subministracións básicas (auga, electricidade e gas) a grupos vulnerábeis.

Estas medidas sumaranse ás xa implementadas a semana pasada, que incluíron unha inxección de 18.225 millóns de euros, segundo confirmaron Europa Press fontes gobernamentais.

Ademais, o Real Decreto flexibilizará os expedientes de regulación de emprego temporal (ERTEs), permitindo o cobro das prestacións por desemprego sen cumprir o requisito de carencia aos afectados polos mesmos e configura o dereito dos traballadores a adaptar a súa xornada laboral e / ou a unha redución de xornada especial, que incluso pode alcanzar 100%, cando a súa presenza sexa necesaria para atender a outra que, por razóns idade, enfermidade ou discapacidade, requiren atención persoal e directa.

Segundo o borrador do Real decreto lei as e os traballadores tamén poderán adaptar o seu horario de traballo e / ou reducilo se resultaron afectados polo peche de centros educativos ou outros que presten atención á persoa que o precise (centros de día, por exemplo). Así mesmo, a e o traballador pode aproveitar este dereito para adaptar a xornada ou reducila en ausencia do coidador habitual da persoa ao seu cargo por causas relacionadas co coronavirus, coa súa prevención ou para evitar o contaxio.

Este dereito será individual de dada un dos proxenitores. O obxectivo destas dúas medidas, segundo o Goberno, é configurar un conxunto de garantías para evitar a aplicación de sancións por falta de asistencia por parte dos traballadores ante a necesidade de coidar persoas ao seu cargo.

Por outra banda, o borrador establece algunhas das medidas que certos sindicatos e os empresarios reclamaron, como flexibilizar os ERTE de suspensión ou redución da xornada e recoñecer as prestacións contributivas de desemprego para aqueles traballadores que, afectados por eles, non cheguen ao requisito mínimo de contribución.

Así mesmo, non se computará o tempo no que o traballador perciba a prestación a efectos de consumir o período máximo de percepción, o que se coñece como "contador cero".

En relación cos ERTE, o borrador deste real decreto define especificamente o que se entenderá como forza maior nas circunstancias de emerxencia actuais e simplifica os requisitos para a súa presentación.

O Goberno asegura no limiar da norma que para cumprir o conxunto de medidas contempladas no texto "habilitaranse todos os créditos necesarios".

CIG: "Insuficientes"

O sindicato maioritario na Galiza, CIG, indicou a través dun comunicado que as medidas do Consello de Ministros están “moi lonxe do que se está a facer noutros estados europeos”. Así o considera o secretario xeral, Paulo Carril, que cuestiona unha decisión “inxusta e que desprotexe, desampara e deixa na intemperie a moitos traballadores e traballadoras sen garantir que todo o mundo poida quedar na casa”.

Comentarios