O Goberno español aproba a condonación de 4.010 millóns da débeda á Galiza

A medida, pactada no seu día polo BNG e o PSOE no acordo para investir Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado, é rexeitada pola Xunta.

A portavoz do Gobirno español, Pilar Alegria, en rolda de prensa. (Foto:  Carlos Luján / Europa Press)
A portavoz do Goberno español, Pilar Alegria, en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O Goberno español aprobou onte en segunda volta o proxecto de lei que condona 4.010 millóns de euros da débeda pública galega. O Executivo estatal xa aprobara o pasado mes de setembro en primeira volta o anteproxecto desta lei, que desde entón superou todos os informes preceptivos —por exemplo, o do Consello Económico e Social— para recibir o visto e prace como proxecto definitivo. Tanto en setembro como agora a Xunta da Galiza mantén o seu rexeitamento a unha medida que —tal e como indicou o Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha)— suporá unha condonación de ao redor de 32% da débeda efectiva da Galiza. Un de cada tres euros.

A ministra portavoz do Goberno, Pilar Alegría, informou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras que o aprobado esta terza feira beneficiará directamente todas as comunidades autónomas que queiran acceder á condonación e ao mesmo tempo permitirá corrixir, por unha parte, o 'sobre-endebedamento' que vén derivado da crise financeira de 2010-2013, e por outra parte, mellorar a súa posición "á hora de saír aos mercados", algo que cualificou de "fundamental".

Unha vez que o Consello de Ministros e Ministras aprobou esta terza o proxecto de lei de condonación da débeda a Galiza e ao resto de comunidades –o total da 'quita' a todas as autonomías elévase a 83.252 millóns de euros–, esta vai chegar ao Congreso. O Partido Popular español leva meses anunciando, por activa e por pasiva, a súa negativa a apoiar a condonación, un rexeitamento que todo este tempo manteñen os seus gobernos autonómicos, entre eles o da Xunta da Galiza. O presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, é unha das voces máis duras contra a condonación, na que ve unha "cesión" ao independentismo catalán que en nada vai beneficiar á Galiza. "Non se condona nada, mutualiza a débeda entre todos", manifestou en máis dunha ocasión. "Non necesitamos que se nos perdoe a débeda", chegou a afirmar o titular do Goberno galego fronte ás reiteradas peticións do BNG e PSdeG de que aceptase a condonación.

De feito, o pasado mes de outubro a Xunta decidiu ir máis aló e presentou alegacións contra o anteproxecto de lei de condonación da débeda. Ao tempo, mantén sobre a mesa a opción de recorrer xudicialmente a medida, como recoñeceu no seu día o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, en resposta a preguntas de Nós Diario. 

O inicio

A condonación de parte da débeda pública a Galiza é unha medida pactada no seu día polo BNG e o PSOE no acordo para investir Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado. "En caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por comunidades adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), estabelecemento de medidas compensatorias análogas para a Galiza, no marco das compensacións a aquelas comunidades que non fixeron uso do FLA", figuraba no punto 3 dese acordo, asinado a principios de novembro de 2023.

O PP e a Xunta da Galiza pasaron do silencio inicial a unha oposición á quita que foi gañando en decibelios a medida que se abría o debate político sobre a condonación. Foi o conselleiro de Facenda da Xunta da Galiza, Miguel Corgos, por exemplo, o que fixo de portavoz das comunidades do PP no 'plantón' que fixeron en febreiro na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para non ter que votar a proposta de condonación que quitaba 4.000 millóns de débeda á Galiza. 

O Goberno galego insiste en que esta condonación non vai "mellorar" a solvencia da Galiza malia que a aplicación da medida suporía rebaixar en un terzo a actual débeda da Galiza, débeda pola cal só en 2025 a Xunta destina 1.763 millóns de euros a lle facer fronte. O proxecto de  Orzamentos para 2026, actualmente a debate no Parlamento, prevé destinar a esa mesma fin o próximo ano 1.858 millóns de  euros, o que supón un aumento de 5,4% a respecto de 2025. O Goberno galego destinou entre 2020 e 2025 máis de 9.200 millóns de euros ao pagamento da súa débeda.

A cifra da débeda pública actual é moi superior á que había en 2009, ano no que o Partido Popular voltou ao Goberno galego após os catro anos de Executivo de coalición entre nacionalistas e socialistas. Daquela, a débeda pública da Galiza situábase nos 4.000 millóns de euros e equivalía a 7,5% do PIB da Galiza.  Aqueles 4.000 millóns multiplicáronse por tres durante estes 16 anos de gobernos do PP. A Xunta dedica este ano a afrontar a débeda pública 230% máis que en 2009, aplicando a inflación. Ningunha outra partida aumentou tanto porcentualmente neste período, agás a que se engloba no termo "sociedade da información" e cuxo aumento foi de máis de 250% desde 2009.

Senda de déficit

A da condonación non foi a única negativa que a Xunta expresou no último Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), en novembro. Aí tamén rexeitou a proposta de senda de déficit, que permitía ás comunidades un déficit de 0,1% para cada exercicio. É dicir, que cada ano poderían gastar máis do que ingresan até un máximo dunha décima do seu PIB. Unha capacidade de gasto extra que no caso da Galiza suporía dispor de 281 millóns de euros entre 2026 e 2028 para financiar a educación, a sanidade ou a dependencia, segundo os cálculos do Ministerio.


O BNG valora "positivamente" que o Estado cumpra e critica o 'non' de Rueda

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego valorou esta terza"positivamente" que o Goberno do Estado cumpra co compromiso adquirido após a sinatura do Acordo de Investidura "conseguido polo BNG" e onde se recollía que Galiza debía de ser compensada se o Executivo estatal decidía condonar a débeda a comunidades adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica, un Fondo ao que non recorreu a Xunta polo que a Galiza podería ficar á marxe de calquera quita que se limitase ao FLA, o que o asinado no acordo evitou. "Máis unha vez, o BNG demostra ser a única forza útil na defensa dos intereses da Galiza", conclúe Rego. Pola súa parte, a portavoz de Facenda do BNG no Parlamento galego, Noa Presas, exixíu a Rueda que "deixe a un lado a submisión" a Alberto Núñez Feixoo, líder do PP español, "e acepte a condonación da débeda". Emprazou o Goberno galego a negociar as condicións da quita e o PP a facilitar a súa tramitación no Congreso tras ser aprobada no Consello de Ministros e Ministras. "É unha oportunidade histórica para aliviar a carga da débeda que o PP triplicou e destinar máis recursos á educación, sanidade ou dependencia", dixo Presas.

O PSdeG tamén se mostrou neste tempo moi crítico coa actitude do Goberno galego. O seu secretario xeral, Gómez Besteiro, advertiu de que a negativa de Rueda á quita é "un claro prexuízo para Galiza” e responde "a un seguidismo do que lle marca Feixoo desde Madrid”. Besteiro insistiu en que a medida “non só mellora a posición financeira" da Galiza nos mercados, senón que “permite liberar 1.700 millóns anuais que agora se destinan á amortización e os xuros da débeda".

Comentarios