Galiza será a única nacionalidade do Estado que non recadará todos os seus impostos

Unha delegación do Goberno do Estado reúnese esta segunda feira cunha representación do Executivo catalán para fechar a cesión da recadación de todos os impostos a Axencia Tributaria de Catalunya (ATC).

Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira na sede do Ministerio, o 11 de decembro de 2023. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira na sede do Ministerio, o 11 de decembro de 2023. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

A Comisión Bilateral Generalitat-Estado reúnese nesta segunda feira en Barcelona para acordar os termos do novo modelo de financiamento que significará a cesión gradual a Catalunya da recadación de todos os impostos do seu territorio e a saída do réxime común do sistema de financiamento

A delegación estatal estará encabezada polo ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres e o delegado do Goberno español en Catalunya, Carlos Prieto, mentres a representación catalá estará dirixida polos conselleiros de Presidencia e Economía e Facenda, Albert Dalmau e Alícia Romero.

A xuntanza, que se desenvolverá con dúas semanas de atraso sobre a data previamente pactada entre Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e do Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC), servirá para comezar a concretar o acordo alcanzado formalizado o 7 de agosto de 2024 entre ambas formacións para investir a Salvador Illa como como presidente da Generalitat.

Un dos puntos de acordo entre ambos Executivos será a cesión á Axencia Tributaria de Catalunya (ATC) da xestión e recadación de todos os impostos xerados nese país. Neste sentido, este traspaso levarase a cabo de forma gradual, se ben a  ATC recadará xa de xeito definitivo en 2026 o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), un tributo  persoal, progresivo e directo que grava a renda obtida nun ano natural polas persoas físicas.

A reforma da LOFCA

O novo modelo de financiamento de Catalunya requirirá unha reforma da Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas (LOFCA) de setembro de 1980 que será rexistrada no Congreso dos Deputados na terza feira polos grupos parlamentarios de ERC e do PSC. Precisamente, a LOFCA pactada pola Unión de Centro Democrático (UCD) e PSOE representou o punto de saída para fechar o proceso autonómico.

A proposta pactada significa a saída de Catalunya do denominado réxime común do sistema de financiamento, do que fan parte todas as comunidades autónomas agás Euskadi e Nafarroa. Neste sentido, a medida ten unha grande transcendencia política e avanza na consideración de diferentes modelos en función do status xurídico de cara territorio. Así as cousas, Galiza será a única nacionalidade do Estado dentro do réxime común.

As consecuencias da pertenza ao réxime común resultaron nos últimos ano moi negativos para Galiza. A este respecto, o Consello de Contas da Galiza, nun informe presentado en maio de 2024 baixo o título de Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común, situaba o déficit xerado polo sistema de financiamento na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 e 2021 en 19.956 millóns de euros.

A succión dos impostos da Galiza

Os datos da liquidación do sistema de financiamento de 2022, os últimos publicados polo Executivo español, inciden nesta idea. Neste sentido, o economista Xosé Díaz, quen fora presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001), nun traballo rematado no mes agosto e titulado Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022 sinalou que nesa anualidade Galiza perdeu 5.344 millóns

A aprobación do novo modelo de financiamento para Catalunya dependerá agora dos apoios que sume a proposta de reforma da LOFCA no Congreso dos Deputados. A este respecto, dáse por seguro o voto negativo do Partido Popular e Vox, mais tamén algunhas das formacións integradas en Sumar que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez, como Compromís, Chunta Aragonesista ou Esquerda Unida, manifestáronse en contra desta opción.

A proposta que acordarán esta segunda feira en Barcelona volve situar no primeiro plano do debate o sistema de financiamento. O actual modelo aprobado en 2009, durante a última lexislatura do mandatario socialista José Luis Rodríguez Zapatero, e prorrogado desde 2014, está pendente de ser revisado, sendo obxecto de disputa entre as diversas formacións políticas.

Un novo modelo para Galiza?

O presidente Alfonso Rueda, en liña coa proposta do PP a nivel estatal, rexeita un modelo de concerto para Galiza resultado dunha negociación bilateral co Goberno do Estado, malia recoñecer que o actual sistema pon en risco a prestación de servizos como a sanidade, a educación ou a dependencia.

O BNG aposta por un sistema de concerto que sitúe a Galiza fóra do réxime común e lle permita recadar todos os impostos. Ao tempo, o PSdeG reclama un financiamento singular para Galiza, mediante a reforma de variábeis como a poboación e a dispersión, mais mantendo o país entre as comunidades do réxime común do sistema de financiamento.

Un traballo de Xosé Díaz, titulado Aspectos e consecuencias do sistema de financiamento propio galego e elaborado no mes de outubro de 2024, concluíu que Galiza gañaría entre 5.691 e 4.487 millóns de euros ao ano contando cun sistema de concerto, que lle permitiría recadar todos os impostos e, posteriormente, liquidar ao Estado polos servizos que lle presta. A primeira das cifras xorde de aplicar á Galiza a cota fixada para Euskadi e a segunda de fixar unha ponderación atendendo ao menor desenvolvemento competencial do país.

Comentarios