Galiza Nova esixe a Feixoo o cumprimento da lei contra a violencia machista
Somos as que loitan por un país sen violencia é o lema da nova campaña da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova con motivo do 25 de novembro coa que queren concienciar a mocidade contra o machismo.
A campaña que con motivo do 25 de novembro, Día internacional contra as violencias machistas, apresentou a organización xuvenil do BNG pular por «dar unha visión moito máis combativa a unha data na que sempre rematábamos relegadas ao papel de vítimas», afirmou Nerea Cazás, responsábel nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.
Segundo sinalou a nacionalista, o contexto actual «é alarmante» debido ao aumento do 28,4% das denuncias por violencia machista. A isto súmanse os seis feminicidios acontecidos na Galiza no que vai de ano. Ademais da carta enviada a Feixoo, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova decidiu aproveitar o contexto estatal para enviar unha carta ao presidente en funcións, Pedro Sánchez, con medidas que deben ser tomadas de urxencia a nivel galego, estatal e con vertente específica na mocidade.
«A día de hoxe as mulleres encontrámonos desprotexidas fronte a violencia machista e recortar en recursos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia non só perpetúa a violencia machista senón que é violencia en si mesmo» sentenciou Cazás.