ANÁLISE DO TABOLEIRO

A fortaleza de Bárcenas é a debilidade do PP

Luis foi forte. Luis é Bárcenas, o xerente do PP a quen Rajoy ascendeu a tesoureiro do partido. Mais agora a fortaleza de Bárcenas vírase como un boomerang contra o Partido Popular, que está a viver horas de pesadelo, nas vésperas de que, previsibelmente, o seu candidato perda en Grecia.

Luís Bárcenas
photo_camera Luís Bárcenas

 

O “é a economía estúpidos” de Bill Clinton podería non servirlle de nada ao Partido Popular agora que o seu tesoureiro anda ceibo e procurando a compañía da imprensa para deitar a súa artillaría contra a cúpula do PP en xeral e contra Rajoy en particular. Certo é que os dados da EPA dan un respiro ao partido conservador e afortalan a súa estratexia comunicativa -que neste momento se basea case unica e exclusivamente no mantra de que a economía se recupera- mas hai un consenso moi estendido entre os análistas do taboleiro de que o expediente económico non é abondo para os partidos no poder reaxiren e recuperaren o fío perdido na súa relación co eleitorado.

Hai algo que ningún eleitorado consente facilmente: a mentira. Bárcenas é un símbolo dunha xigantesca operación de falsificación, a que tentou perpetrar a cúpula do PP desde que trascenderon os famosos papeis que pasarán á historia co nome do tesoureiro, apuntes contábeis que falaban dunha trama de diñeiro negro, sobres que irían engrosar os petos dos primeiros espadas do partido, a comezar polo propio Rajoy.

O pior para Rajoy e o seu entourage é que o que di Bárcenas si é verosímil. 

A versión da dirixencia conservadora -os papeis de Bárcenas son de Bárcenas e de ninguén máis- nunca se tivo en pé, mais o PP teima en non se mover dela. O pior para Rajoy e o seu entourage é que o que di Bárcenas si é verosímil. Calquera que coñeza unha organización de certa complexidade interna -e o PP tena, obviamente- sabe que é imposíbel que unha soa persoa puidese orquestrar pola súa conta un sistema de pagamentos irregulares do calibre dos revelados pola Fiscalía Anti-Corrupción e agora recoñecidos polo propio Bárcenas. O mao para Rajoy é que cando Bárcenas di que o presidente do PP “coñecía a contabilidade B desde o principio”, esa frase -unha condena en termos políticos, xa veremos tamén se penais- soa a verdade. En troca, todas as alegacións do combo conservador, desde as proferidas torpemente polo inefábel Floriano até as enunciadas pola máis sofisticada Soraya, soan a superchería, non son críbeis.

En política non hai nada pior que non ser críbel. Ese é o verdadeiro problema do PP, como ben sabe Arriola. Ese é o problema que leva a que 4 millóns de ex votantes deste partido estean a matinar seriamente en mudar o seu voto, en ficar na casa ou, verosimilmente, en apadriñar novas formacións políticas, desde o emerxente Cidadáns de Albert Rivera á oferta multi-usos de Pablo Iglesias.

Un pesadelo para Rajoy

Nas súas primeiras 24 horas en liberdade, Bárcenas disparou dialecticamente contra o PP en até 5 comparencias perante a imprensa. Un pesadelo para Rajoy. O prime time televisivo -queimado xa o cartucho do Pequeno Nicolás- agarda o ex tesoureiro. E isto acontece a apenas 4 meses de que a equipa de Rajoy pase o severísimo exame das eleccións municipais e a apenas unhas horas de que o seu aliado grego, Samaras, afronte un duelo eleitoral con Syriza con moi escasas opcións de saír vitorioso.

O prime time televisivo -queimado xa o cartucho do Pequeno Nicolás- agarda o ex tesoureiro

Visto como está o taboleiro estatal, a imprensa amiga de Feijóo aínda fabula coas opcións do presidente da Xunta a facer carreira política en Madrid. Esquece a imprensa amiga que se Rajoy ten un problema chamado Bárcenas, Feijóo ten un duplo problema chamado Marcial Dorado e Pachi Lucas. Teño para min que os voceiros mediáticos feijonianos son perfeitamente conscientes diso e que a operación propagandística consiste en nos apresentar Feijóo como unha estrela rutilante vocacionada para triunfar na capital do Imperio, mais á vez comprometido co seu país. Estaríamos ante un crack con opcións a vestir a camisola dun grande (o grande sempre é España), mas ao final disposto a se sacrificar por todas e todos nós (coitadiño). Ben, un chisco a historia de Fraga revisitada: que mellor que un grande de España para gobernar as provincias galegas! Este é o deseño da propaganda oficial (intragábel a pouco que emancipemos os sentidos e advirtamos que alguén co álbum de fotos de Feijóo está inhabilitado para chegar á cimeira da súa organización política).

En todo caso, manteñámonos en alerta. Os próximos días serán cruciais para sabermos até onde vai chegar esa onda expansiva chamada Luis Bárcenas e se Mariano Rajoy vai sobrevivir a ela.

Comentarios