28-M

Formoso enxalza o proxecto de Antonio Lomba, candidato á Alcaldía da Guarda

O secretario xeral do PSdeG puxo en valor "a defensa do sector pesqueiro" dos socialistas

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, este sábado no Comité Nacional da Formación (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, estivo na Guarda este serán (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, enxalzou este serán a "capacidade de xestión" e o "proxecto ilusionante” que propón o candidato Antonio Lomba "para seguir transformando A Guarda"

"Estou seguro de que o seu maior argumento para lograr un terceiro mandato é a solvencia coa que chegaron a executar máis de 80% do programa electoral a pesar da pandemia", asegurou.

Do mesmo modo, recriminou á oposición do PP que “non está nin estivo á altura”, despois de estar “desaparecido” e “agora intentan tapar erros monumentais como o de votar en contra do pavillón municipal”.

O líder do socialistas galegos tomou a palabra nunha cea-mitin, na que tamén interviron o secretario provincial, David Regades, o Delegado do Goberno na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro e a secretaria xeral da agrupación local, Montse Magallanes.

Tamén chamou Formoso aos militantes e simpatizantes a “facer pedagoxía” nos lugares de traballo e de lecer para explicar que non é o mesmo que gobernen os socialistas ou que gobernen a dereita.

"Mentres o PP xestionou unha crise de calado aplicando recortes, Pedro Sánchez foi quen de convencer aos socios europeos para cambiar de paradigma e "reaccionar con forza ante a pandemia, para investir no coidado das persoas e para saír en apoio do tecido produtivo e do emprego", advertiu.

Pola súa parte, Antonio Lomba agradeceu en primeiro lugar, o apoio amosado polo seu partido coa presenza do secretario xeral e do secretario provincial, así como dous representantes do Goberno estatal como son a Subdelegada na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, e o propio Besteiro.

Lomba, que mantén a Alcaldía desde o 2015, reivindicou o seu “proxecto moi potente para o progreso da Guarda, para que a vila teña futuro”, co que afrontan os comicios cunha “mensaxe de optimismo” debido a que considera que “estamos facendo unha boa campaña”, polo que están seguros de que obterán un "gran resultado".

Comentarios