Felipe VI pide en Compostela "a protección" do Apóstolo Santiago para superar a pandemia

O rei de España reivindica a Coroa como "continuidade" da "nación vinculada por pasado, presente e futuro" 
 
A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño (2i); o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (5i); a princesa de Asturias (4d); o rei Felipe VIN (3d); a raíña Letizia (2 - César Arxina - Europa Press
photo_camera Felipe VI preside a ofrenda floral ao Apóstolo no Día Nacional da Galiza, na compostelá praza do Obradoiro (Foto: Arxina).

Felipe VI reivindicou na súa visita a Compostela a Coroa como "ponte entre pasado, presente e futuro" que simboliza a "continuidade" da "comunidade política, cultural e humana" española.

No seu discurso da tradicional Ofrenda ao Apóstolo neste domingo 25 de xullo, o monarca enxalzou a figura de Santiago como patrón de España e símbolo da "unidade". "Ao redor del, como nas apertas que lle dedican os peregrinos, uniuse España e uniuse Europa", agregou, na parte da súa intervención realizada en galego.

Ante o resto de membros da familia real -á parte da raíña Letizia, asistiron á cerimonia, e por primeira vez, a princesa Leonor e a infanta Sofía- e as autoridades, o monarca apelou no seu discurso aos diversos camiños de Santiago, que "foron sempre expresión do desexo e a vontade de formar unha comunidade".

Ofrenda ao Apóstol

A tradicional Ofrenda ao Apóstolo volveu neste primeiro Ano Santo á Catedral compostelá. Os dous anos anteriores realizouse na Igrexa de San Martiño Pinario polas obras no interior da Basílica.

Felipe VI referiuse á Catedral como ese lugar no que "converxen todos os camiños e onde habita para a eternidade o Apóstolo Santiago". "Ao redor da súa memoria érguese unha catedral maxestuosa que representa a procura dun ideal compartido por millóns de persoas, unha catedral que representa tamén unha vitoria da esperanza sobre todas as 'negras sombras' das que se lamentaba Rosalía de Castro", subliñou.

A Covid-19

"Unha das experiencias máis duras que gardamos nunha memoria", dixo en relación á pandemia. Neste contexto, apelou "á protección do Apóstolo" co "rogo de que nos axude a manter viva a esperanza de recuperar a normalidade". 

Xacobeo

O xefe de Estado español enxalzou a "cultura xacobea que inspira desde Galiza a unidade de España, a súa cohesión e o seu progreso", e reivindicou o "proxecto europeo".

Con respecto á Coroa, representada este 25 de xullo pola familia real ao completo, Felipe VI asegurou que "simboliza o seu carácter de ponte" entre "pasado, presente e futuro": "Hoxe, Día de Santiago, nun novo Ano Santo Compostelán, pedímoslle axuda ao Santo Patrón de Galiza e de España para cultivar sen descanso eses principios, para cimentar os camiños de unidade, solidariedade e concordia que aseguran a nosa convivencia en democracia e liberdade", concluíu o monarca.

Comentarios