Os catros detidos en relación co asasinato o pasado sábado na Coruña de Samuel Luiz, de 24 anos, pasarán este 9 de xullo a disposición dos xulgados. Son tres homes e unha muller, veciños da Coruña, de entre 20 e 25 anos e non coñecían a vítima.
O cuarto detido foi o único dos catro arrestados que prestou declaración na comisaría da Policía Nacional. Este detido era unha das testemuñas e pasou á condición de investigado, acusado de homicidio e apropiación indebida, por subtraer o teléfono da vítima.
A Xunta pronunciarase cando se saiba o móbil
A pesar de que testemuñas aseguran que os agresores berraron a Samuel Luiz "maricón de merda, ímoste matar", o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sinalou que os detidos afirman que non coñecían a vítima, e preguntouse "se se pode, en consecuencia, sacar unha extrapolación directa, inmediata e relacionada entre a causa, disparatada, e o efecto". Así se pronunciou logo de que os medios lle preguntasen se consideraba este asasinato como un crime homófobo.
Na súa resposta, insistiu en que a Xunta non ten "ningunha notificación" aínda sobre "o móbil ou a causa directa ou indirecta" da malleira mortal a Samuel, antes de engadir que os pronunciamentos chegarán cando isto ocorra.
Feixoo insistiu en mostrarse cauto sobre "o móbil" e repudiou aqueles políticos que "fan política cun asasinato". Aínda que non deu nomes, o presidente realizou estas manifestacións na mesma semana en que a líder do BNG, Ana Pontón, instouno a "tomar exemplo da sociedade e deixar a súa equidistancia ante a homofobia que tingue o asasinato de Samuel".
Declaración institucional e manifestación na Coruña
O pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade unha declaración institucional, proposta por Marea Atlántica, que rexeita calquera forma de LGBTIfobia e mostra o seu compromiso para tomar as medidas necesarias no ámbito municipal. A declaración atende aos sucesos LGBTIfobos ocorridos na cidade nas últimas semanas. Marcos e Alexander, un matrimonio que estaba de visita na cidade, foron agredidos por un home cunha porra o 27 de xuño.
O pasado sábado, unha veciña denunciou que dous homes tentaron queimar a bandeira do orgullo que colgaba do edificio do Comité Antisida da Coruña. Esa noite asasinaron Samuel Luiz dunha malleira en grupo. A principios desta semana, o Instituto Xosé Neira Vilas de Oleiros denunciou a aparición de pintadas homófobas con ameazas de morte nun mural do centro.
Aliás, asociacións LGBTI+ convocaron unha manifestación para este domingo na Coruña contra a LGBTIfobia e na que se pedirá xustiza para Samuel.