Feixoo ensalza a Constitución como garante "da unidade de España" e do "Estado das autonomías"

O líder do Goberno galego sinalou a "unha parte, como mínimo" do Goberno estatal cuxo obxectivo pasa por "derrogar e deixar sen efecto" a Carta Magna. Mentres asistía aos actos do Congreso en Madrid unha parte importante do PP galego tomou parte dos convocados por Concordia Leal Española e Foro LG na Coruña.
Alberto Núñez Feixoo o 3 de decembro en rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo o 3 de decembro en rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, valorou a Constitución de 1978 como a "garantía" non só "da unidade de España", mais tamén do "Estado das autonomías" e do autogoberno na Galiza. Así o asegurou en declaracións aos medios de comunicación en Madrid, durante a súa asistencia aos actos conmemorativos do Día da Constitución no Congreso dos Deputados.

Na súa intervención, o líder do Executivo galego lamentou que haxa "unha parte, como mínimo", do Goberno estatal cuxo "obxectivo" pasa por "derrogar e deixar sen efecto" a Carta Magna. Neste 2020, engadiu Feixoo, "temos que seguir  defendendo o pluralismo político, as liberdades e o propio espazo de concordia que garante" este código fundamental.

"Todos aqueles que cremos na Transición, nos pactos e no consenso temos que dicir moi alto e claro que a Constitución é garantía da unidade de España, é garantía do Estado das autonomías, é garantía do autogoberno da Galiza, é garantía de que Galiza teña un Parlamento e un Goberno elixido democraticamente", aseverou.

Fronte aos "socios de Goberno", en relación aos partidos nacionalistas e independentistas, o presidente da Xunta resaltou a "importancia" de defender a Carta Magna pois “non están no acto da Constitución porque simplemente nin a respectan, nin a comparten, nin a apoian”.

Núñez Feixoo agregou que entre o Goberno estatal “unha parte como mínimo tampouco quere esta Constitución”. “O seu obxectivo é derrogala e deixala sen efecto”, afirmou. “Pola igualdade, pola liberdade, pola fraternidade entre todos os pobos que conformamos España, hoxe máis que nunca merece a pena dicir un ‘si’ inequívoco e sen condicións á Constitución española”, concluíu.

Actos na Galiza

Mentres Feixoo asistía aos actos do Congreso en Madrid, unha ampla representación do PP galego, entre eles o seu secretario xeral Miguel Tellado ou o presidente na Coruña Diego Calvo, participaron dos acto organizado polos colectivos Concordia Leal Española e Foro LG.

Estivo presidido polo ex alcalde da Coruña e ex militante socialista Francisco Vázquez. Vázquez cargou contra a súa antiga formacióna segurando que deixou atrás "o seu compromiso coa Transición e coas posicións que defendeu para formar unha alianza con grupos rupturistas, anticonstitucionalistas, contrarios á unidade de España", lamentou.

Comentarios