Feixoo di que as residencias son "a prioridade" da Xunta, mais non anuncia medidas

“O foco de maior preocupación”. Isto, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, representan as residencias de maiores para o Goberno galego. Porén, non anunciou medida ningunha para tratar de atallar a situación nestes centros. Unha situación que “non vai ser fácil nin vai diminuír”.

EuropaPress_2752727_presidente_xunta_alberto_nunez_feijoo_reunion_videoconferencia_resto
photo_camera Feixoo, na videoconferencia con Sánchez

As residencias de maiores suman un total de 275 persoas contaxiadas con coronavirus, das que 211 son usuarias e 64 empregadas. Unha cifra, a fornecida pola Consellaría de Política Social, que cada día é maior.

Feixoo, na videoconferencia posterior á reunión que mantivo co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, asegurou que estes centros “son o foco de maior preocupación” para a Xunta. Porén, non expuxo ningunha medida para tratar de reverter a situación que se sofre nas residencias.

Feixoo só se limitou a apuntar a “posibilidade” de transformar máis residencias de maiores en residencias integradas, como as que xa se habilitaron en Baños de Molgas e Compostela para darlles cobertura ás persoas contaxiadas.

O presidente da Xunta sinalou que “malia o traballo das autoridades sanitarias”, a situación nos centros de anciáns “non vai ser fácil nin vai diminuír os contaxios”, senón que medrarán. Cifrou en 22.000 as persoas maiores que viven nas residencias, das que 211 deron positivo en coronavirus.

“Non hai lugar onde sexa imposíbel que poida haber contaxios”, salientou Feixoo, mais as residencias son especialmente vulnerábeis polas “patoloxías asociadas” ás súas usuarias e pola idade.

Comentarios