Feixoo anuncia, o día despois de superar Galiza os 2.000 falecementos, unha desescalada "medida e gradual"

Feixoo introduce ETA na sesión sobre irregularidades nas vacinacións e os fondos contra a pandemia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no pleno do Parlamento (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nun pleno do Parlamento (Foto: Arxina)

Núñez Feixoo anunciou hoxe na sesión de control ao presidente no Parlamento galego unha desescalada “medida e gradual” e “sen pasos en falso” na Galiza. Unha afirmación que fai horas despois de que Galiza superase as 2.000 persoas falecidas pola Covid. Epidemiólogos e sanitarios teñen advertido en non poucas ocasións do desacertado de afrontar posíbeis fin das restricións en breve, porque iso leva a un escenario que implicaría novas repuntas de contaxios.

O presidente dá un paso máis así a respecto do anuncio que fixo esta segunda feira, antes da reunión do comité clínico, e no que xa apuntaba a un “alivio” das restricións a partir de mediados de semana que vén.

Vacinas

A primeira intervención na sesión foi a de Gonzalo Caballero (PSdeG), que mostrou a súa preocupación polos “preocupantes” datos que está a deixar a pandemia na Galiza, con eses 600 mortos no que vai de ano.

O socialista demandou de Núñez Feixoo explicacións a respecto das “irregularidades” no proceso de vacinación, indicando o que sucedeu coa delegada de DomusVi ou a alcaldesa de Boirmorto.

Feixoo botou balóns fóra: apelou a que o Goberno español foi quen permitiu no Nadal o de reunións de “achegados” e cargou contra os criterios de reparto de vacinas por parte do Goberno español. “De ter vacinas, en seis semanas estaría toda Galiza vacinada”, dixo. Caballero, de por parte, pediulle humildade: “Fallou a estratexia de salvar o Nadal, a prioridade non debe ser salvar a semana santa”.

ETA

ETA fixo acto de presenza na sesión de control ao presidente da Xunta. Unha aparición que veu da man do propio presidente, Núñez Feixoo, nunha sesión na que a oposición lle preguntaba pola vacinación e polos fondos europeos para facer fronte á pandemia.

Cara ao final da sesión, e ante as acusacións da portavoz do BNG, Ana Pontón, de que Feixoo non estaba á altura de defender “os intereses da Galiza” ante Madrid nestes fondos, o presidente optou polo ataque. “Nada hai máis antigalego e antidemócrata que apoiar Otegi e Junqueras” , dixo. Mais non parou aí e proseguiu: “Non hai nada máis contra a autonomía de Galiza” que estar nun mitin “cun membro de ETA político-militar, que “secuestrou unha persoa”. E non parou: “Quere que lle lembre - preguntou a Ana Pontón - o número de galegos asasinados por ETA?”.

A pregunta da principal forza da oposición centrárase nos fondos europeos para a recuperación. Pontón lamentou a “cerimonia de confusión” da Xunta sobre estes fondos, que o nacionalismo considera claves e que, sinala, o Goberno galego limítase a xestionar “como axente comercial das grandes multinacionais”.

Lamentou tamén que da xuntanza que Feixoo mantivo co presidente español, Pedro Sánchez, non saíse nada concreto para Galiza, “mais vostede di que saíu da reunión moi satisfeito”. Feixoo acusou entón Pontón de ir da man dos socialistas, extremo que negou a nacionalista, lembrando ao presidente a política de pactos do seu partido con Vox.

Comentarios