Feixoo abre as portas do PPdeG ás dirixentes de Ciudadanos na Galiza

Alberto Núñez Feixoo (Xunta)

Rexeita unha coalición co partido de Inés Arrimadas para as eleccións galegas mais manda unha mensaxe a cargos de CS: “Caben no PPdeG”.

Núñez Feixoo sabe que o 5 de abril cada voto conta e vai ser importante para chegar a esa liña, que segundo enquisas e sondaxes parece moi fina, que afasta a vitoria da derrota. Por iso, se ben non quer saber nada dunha coalición con Ciudadanos, tal e como lle insiste Arrimadas, quer evitar que esa posición semelle un ‘desplante’ a votantes da formación laranxa noutros comicios. De aí que faga chiscadelas, non só á base electoral de Cs na Galiza senón tamén ás súas dirixentes e cargos.

Así, o presidente reafirmouse unha xornada máis no seu rexeitamento a ir ás eleccións do 5 de abril nunha coalición con Ciudadanos (Cs). Esta quinta feira argumentou que ás e aos galegos "non lles gustan as improvisacións" senón que prefiren os "proxectos consolidados", antes de insistir: "os dirixentes de Cs aos que lles gusta a estabilidade e a moderación caben no PPdeG".

A preguntas dos medios, Feixoo asegurou que se sente "rotundamente apoiado" pola dirección do PP en relación a que Galiza se manteña á marxe da hipotética coalición con Cs que Inés Arrimadas puxo sobre a mesa para concorrer ás próximas citas electorais galega, vasca e catalá

Tras o Consello da Xunta, o dirixente popular non ocultou o seu malestar ante a insistencia das xornalistas en relación ao hipotético acordo con Cs, xa que entende que hai unha "estratexia" por parte da formación laranxa para "usar o PPdeG" para lograr "notoriedade".

"Se lle parece, por que non falamos de Galiza? Non vou ocupar os primeiros días (de precampaña, deu a entender) falando dun partido político que non é o meu. Eu veño aquí a falar de Galiza. Se hai outros partidos que teñen interese en usar o PPdeG para que se fale deles, paréceme unha estratexia brillante e intelixente, pero aquí falamos de Galiza", remarcou.

Portas abertas

Dito isto, reafirmou que o PPdeG mantén "as portas abertas" a Ciudadanos e precisou que non é que o diga "el", senón que "o din os feitos". Así, remitiuse aos "máis de 100.000 votantes" que no ano 2016 votaron nas eleccións estatais "a favor de Cs" e despois, nas galegas, apoiaron o PP galego.

"Espero que igual que os votantes de Cs confían no PPdeG, os dirixentes vaian detrás dos seus votantes. Iso sería o lóxico", esgrimiu, convencido de que "hai dirixentes" da formación laranxa que opinan "o mesmo" que el.

Engadiu que na Galiza o proxecto "consolidado" é o PPdeG, no que -insistiu-- "caben" os dirixentes de Cs. "Aínda que non teñan representación parlamentaria, nin ningunha alcaldía ", dixo.

"A pesar diso, os dirixentes de Cs aos que lles guste a estabilidade e a moderación caben no PPdeG", reafirmouse.