domingo 29.03.2020
Política

O PP galego ignora a proposta de C's e considérase a "casa común" do centro

O PSdeG di que con Ciudadanos Feixoo pode "salvar os mobles" nas vindeiras eleccións galegas.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Europa Press)
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Europa Press)

Ciudadanos insiste a Alberto Núñez Feixoo na necesidade de artellar unha fórmula "transversal" para as próximas eleccións galegas. Unha proposta que a líder do partido laranxa lanzou a semana pasada ao Partido Popular na Galiza, mais tamén en Euskadi e Catalunya. Inés Arrimadas non quer que a súa iniciativa fique fóra do debate entre os populares galegos, mentres que o presidente da Xunta xa manifestou que a militancia de Ciudadanos ten a "porta aberta" no PP da Galiza.

"O debate ten que ser nos tres territorios", declarou onte Arrimadas nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, na que incidiu en que nestas "circunstancias excepcionais" non deben primar os "intereses de partido".

Neste sentido, a líder de Ciudadanos criticou que o PP se mostre favorábel a sumar en Catalunya, onde ten moitos menos deputados que a súa formación, pero non na Galiza, onde goberna con maioría absoluta e os laranxas non teñen representación parlamentar.

Unha proposta de C's que foi respondida con claridade desde o PP galego, que se considera a "casa común" da "actitude moderada e reformista" e non ve necesario estabelecer outras unións electorais. Fontes próximas aos populares confirmaron a Nós Diario que buscan incorporar persoas de C's. Contactaron ao respecto con Mónica Martínez, concelleira na Coruña e Olga Louzao, concelleira en Lugo.

Así o trasladou onte o seu portavoz na Cámara galega, Pedro Puy: "O Partido Popular, especialmente na Galiza, desde hai moito tempo, é unha casa común do conxunto de persoas cunha perspectiva conservadora, liberal, demócrata cristiá, reformista, que consideramos que hai que defender a Constitución e a pertenza á Unión Europea e que apostamos por unha economía social e de mercado".

Este escenario proposto por C's tamén foi considerado polos socialistas galegos a través do seu líder, Gonzalo Caballero, quen sostivo que o presidente da Xunta "se puidese ter algún voto de Ciudadanos intentaría salvar os mobles" nas galegas.

Arrimadas, no seu intento de pacto, deixou claro que a súa idea é agrupar desde o "centro" político que ocupa C's parte do espazo "conservador" do PP e o "elemento socialdemócrata fundamental" do PSOE, "se lle dese algo e cambiase de opcións", mais deixa fóra desta fórmula electoral a Vox.

Pedro Puy abundou en que "a situación" no país é distinta do resto dos territorios. "É evidente que na Galiza o PP é a mellor garantía de defensa do Estatuto e da Constitución", sinalou.

Reiterou que a súa formación ten "a porta aberta" a aqueles que puideron simpatizar con Ciudadanos  porque "agrupa todo o voto que recolle un sentir no centro dereita" como "evidencian" os resultados electorais galegos, segundo manifestou Puy.

Pola súa banda, Gonzalo Caballero, asegurou que "Ciudadanos marca o seu camiño político desde o momento no que pactou co PP e Vox para facer Gobernos en distintos territorios do Estado". O socialista aseverou que o presidente da Xunta "está moi preocupado porque non lle saen as contas". "Feixoo esquece que, incluso sumando todos os votos de Ciudadanos e de Vox, a mellor enquisa da Galiza falou nas eleccións de 2019 e todos xuntos eran o 44%", agregou.

"O PP e C's, que teñen tantos pactos no Estado, non está mal que falen de se queren buscar unha estratexia na Galiza para salvar os mobles de Feixoo", dixo.

comentarios