Análise/Sermos279

Feijóo, o presidente das cero transferencias

Ningunha nova transferencia de competencias para Galiza en case nove anos de goberno. O balanzo de Núñez Feijóo mostra ás claras a idea e visión que o PP ten do autogoberno, máis próxima a unha simple oficina de xestión administrativa supeditada ao centro de decisión política de Madrid do que a un goberno de seu dunha nacionalidade histórica (como estabelece a constitución española do 78).

Cimeira Rajoy-Feijóo
photo_camera Feijóo, nunha das súas visitas a Rajoy na Moncloa

O veto a debater sequera a transferencia a Galiza da AP9 deixou ben clariñas dúas cousas. A primeira, que desde o goberno español non están por traspasar nada, nin competencias nin infraestruturas. A segunda, que desde o goberno galego non están para (máis aló do simplemente foral) defender maior autogoberno e competencias para o noso país.

O ano en que se aprobou o Estatuto de Autonoía, 1981, o noso país lograba unha transferencia de competencia estatal. Só unha? Pois xa é unha máis das que houbosumando todos os anos de goberno de Núñez Feijóo. Desde que chegou ao cargo de presidente da Xunta, en 2009, e até o de agora, o número de transferencias logradas pola súa Xunta foi de cero. Case unha década en branco, nunca tal pasara na (breve) historia da autonomía de Galiza. A primeira lexislatura de Feijóo saldouse en cero traspasos de competencias estatais, mesmo balanzo que a segunda e, como todo apunta, este vai ser tamén o percorrido da terceira.

Porén, ao longo destes anos, outros territorios si que lograron novas competencias. E non estamos a falar só de Euskadi e Catalunya, mais tamén doutras autonomías.

Así pois, semella que o goberno do PP en Galiza apostou en botar o freo e en rebaixar calquera posíbel veleidade de autogoberno. Algo que, nestes anos, foille non poucas veces reprochado desde as ringleiras da oposición, quer En Marea quer PSdeG quer BNG.

Que Galiza continúa cun nivel de competencias moi por baixo do das outras dúas nacionalidades históricas non é ningún segredo. Mais a inapetencia e atonía do goberno de Feijóo casa á perfección co rexeitamento do executivo de Mariano Rajoy a ceder competencias. “Deus os dá e eles xúntanse”, que di o refraneiro. E xúntanse no mesmo partido, o PP, poderíase engadir.

Que lonxe fica este escenario daquel 2009 en que PP, PSdeG e BNG acordaban relanzar e reimpulsar a axenda de 70 competencias que catro anos antes, 2005, o goberno galego -daquela cunha coligazón de socialistas e nacionalistas- comezaba a negociar co Estado.

[A análise ao completo, unha dupla páxina, aparece no Sermos279, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios