Montse Prado no Sermos277

"Feijóo fai coa sanidade o que mellor sabe facer: privatizar"

O goberno da Xunta acaba de aprobar o proxecto de reforma da Lei de Saúde. Unha nova ofensiva, segunda a oposición, contra a sanidade pública. A chave do asunto, afirma Montse Prado -responsábel de Sanidade do grupo parlamentar do BNG- é a concepción que ten o PP da sáude. Feijóo sería unha máquina de privatizar que ve na sanidade unha mercadoría máis coa que facer negocios. Como paralo? “Erguendo unha fronte social en defensa da sanidade pública”, enfatiza a parlamentar do BNG. É a entrevista política do Sermos277. Eis un avanzo da conversa.

 

MP
photo_camera Montse Prado, durante a entrevista

-Cais son os trazos básicos desta reforma -ou non sei se chamarlle contrarreforma- da lei de saúde que impulsa o PP?

-Esta modificación da Lei de Saúde de 2008 que acaba de aprobar o Consello da Xunta só é un elo máis na cadea de decisións que leva tomado o PP, fundamentalmente desde que Feijóo voltou ao goberno en 2009. O obxectivo é ben claro: pór a sanidade privada como mínimo á altura da pública, no canto de ter esta como prioritaria. O horizonte final é que mesmo o sector privado teña preeminencia. Un dos banzos desa política foi a aprobación en 2013 da Lei de Garantías Sanitarias, un texto que pretendía darlle rango legal á derivación de doentes e recursos á sanidade privada. Non é casualidade que a apresentación desta reforma da Lei de Saúde vaia parella no tempo coa reunión de Feijóo coa patronal da sanidade privada e coa aprobación por parte da Xunta do decreto que desenvolve esa lei de prestacións sanitarias do ano 2013. Que significa isto? Pois que os tempos que se estabelecen na lei e no decreto, de 45 días para probas diagnósticas ou 60 días para intervencións cirúrxicas, non son cumpríbeis. Está a haber unhas listaxes de espera indecentes e se non hai un auténtico plano de choque para implementar recursos e dotar de persoal a sanidade pública, pois eses tempos non se van cumprir. Por tanto, o que se estabelece aí é o marco legal onde se deriven doentes e recursos á sanidade privada.

A patronal da sanidade privada madrileña ou a nível europeu está a desembarcar na Galiza

Isto é unha teorización? Non, isto é unha realidade. Calquera cidadán que vaia por calquera estrada de Galiza ve como o aumento de anuncios de clínicas privadas é unha constante, de anuncios de seguros tentando captar clientes, ou podemos atoparnos con que por exemplo un recoñecido hospital privado de Santiago está a implementar en 10 camas a súa UCI ou un hospital privado de Vigo está a facer o propio en 20 camas. E por outra banda vemos como a patronal da sanidade privada madrileña ou a nível europeu está a desembarcar na Galiza. Na Galiza hai un nível de renda que permita pensar a estas empresas privadas que van ter un campo de negocio exclusivamente na sanidade privada? Non. É evidente que teñen claro, que teñen negociado xa co PP, que o que van ter é unha derivación inxente de recursos públicos cara á sanidade privada. Aumento de camas, aumento de infraestruturas...

3-Todo isto estaría conveniado coa Xunta e todo isto teríase falado nesa reunión  clandestina da patronal galega  da sanidade privada con Feijóo, un encontro que non figurou na axenda oficial do presidente da Xunta?

-Esa reunión foi un elo máis. Feijóo fai o que mellor sabe facer. Que é privatizar e ocupar o goberno para derivar recursos públicos a empresas privadas, na súa inmensa maioría compañías de fóra da Galiza. A súa traxectoria está aí, el comezou coas privatizacións, estando no ministerio [de Sanidade] en Madrid, da man de Romay Beccaría [ministro]. É a súa folla de rota.

A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos277, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais.

Comentarios