Sesión de control ao presidente

Feijóo evita posicionarse sobre Ferroatlántica e lembra que os sindicatos estatais apoian o plan de Villar Mir

BNG e En Marea emprazárono no Parlamento a que, após a nova da imputación de Villar Mir por financiamento ilegal do PP; desterrase calquera dúbida sobre que a Xunta non ía permitir a segregación e venda das centrais. O presidente esquivou responder e lembrou que CCOO e UXT deron en Madrid o visto bo ao plan de venda.

feijooo
photo_camera feijooo

A imputación do dono de Ferroatlántica, Villar Mir, na causa polo financiamento ilegal do Partido Popular tamén chegou ao Parlamento de Galiza. Fíxoo na sesión de control ao presidente da Xunta, cando a portavoz do BNG, Ana Pontón, lembrou os “xenerosos donativos” de Villar Mir á Fundación Fraga e os contratos concedidos ás súas empresas polo goberno galego ao tempo que emprezaba Feijóo a “defender os intereses da Costa da Morte” e deixar claro que non vai autorizar a desagregación das centrais, o que abriría as portas á súa venda, como pretende a empresa. “Diga claro que as centrais non se venden”, instoulle Pontón. Luis Villares (En Marea) afirmou que as “evasivas” de Feijóo sobre Ferroatlántica debíanse a que “tiña que devolver o favor”, en referencia ao financiamento ilegal do PP, e pediu que a Xunta usase as súas competencias para garantir o emprego” de Ferroatlántica.

O presidente evitou responder directamente ás preguntas sobre se ía autorizar a desagregación das centrais. Iso si, Feijóo referiuse ao apoio dado polos sindicatos estatais en Madrid ao plan da empresa de vender as centrais de Ferroatlántica. Un posicionamento que provocou que os delegados destas centrais sindicais se desen de baixa nas mesmas. Esta referencia do presidente fai xurdir a dúbida de se, ante a petición da empresa, o goberno galego optará pola mesma vía que os sindicatos estatais.

A primeira en intervir na sesión de control, Ana Pontón, preguntou ao presidente polo seu balanzo de negociacións co estado español nestes anos. A nacionalista considera que nestes anos Feijóo non ten balanzo que presentar, pois non logrou ningunha competencia para Galiza e en cuestións fulcrais, desde a alta velocidade até as partidas orzamentarias do estado, ficou en evidencia o seu nulo peso político. Luis Villares, de por parte, aproveitou a proximidade do 1 de Maio para repasar a evolución do emprego en Galiza baixo os mandatos do PP, concluíndo que a situación actual é peor. O portavoz do PSdeG, Fernández Leiceaga, centrou a súa intervención no incumprimento da lei de medios de comunicación que se aprobou en 2011.

Comentarios