Xosé Luís Rivas 'Mini', no Sermos253

"Feijóo está ás ordes de ENCE"

É o parlamentar do BNG que fiscaliza a política forestal do Goberno Feijóo. Ao seu xuízo, Monte Pío é simplesmente a terminal política dunha empresa, ENCE. Iso explica o monocultivo que caracteriza o monte galego, vítima dun galopante proceso de eucaliptización que só favorece os intereses da multinacional. Xosé Luís Rivas 'Mini' é o protagonista da entrevista política do Sermos253, xa na nosa loxa e nos quiosques do país. Eis un avanzo da conversa.

Xosé Luís Rivas, Mini
photo_camera Xosé Luís Rivas, Mini

-A sensación que dá é que a política forestal do PP se limita a desmantelar o feito polo BNG durante a época de Suárez Canal en Meio Rural.

-O PP está a responder aos intereses dunha grande empresa, que é ENCE. De ENCE e algunhas filiais do taboleiro, que tamén teñen que ter o seu espazo, pero non teñen que monopolizar todo. O eucalipto é unha planta que será discutíbel, xa falaremos diso, mais de momento o imperioso é retroceder, retroceder no tempo. Neste momento temos duplicadas as hectáreas dedicadas a eucalipto e a piñeiro que estaban planificadas para 2032. Témolas duplicadas. Polo tanto, hai que parar e iniciar unha recuperación... unha recuperación das 30 mil hectáreas agrarias invadidas -que son moitas máis, pero cinxámonos a unha cifra en que todos estamos de acordo. Hai que deixar de ter hipotecado o país. Temos que ter unha política agraria en serio de recuperación da nosa autonomía alimentaria. Nós non podemos estar consumindo repolos que veñen do quinto pino. Nós podemos producilos e producilos optimamente. Haberá que ir a unha recuperación tamén dos bosques autóctonos, que se están talando. En calquera parte do mundo rural encontras leña de carballo cando queiras e canto queiras.  E a leña de carballo virá dalgún sitio. Non a importaremos para queimar! Iso quere dicer que se están cortando carballeiras e que se están cortando con permiso e con licenza.

6-Ana Pontón dirixiuse ao presidente da Xunta para lle oferecer un pacto de país en materia de política forestal. Feijóo aínda non contestou.

Si, si que contestou.

-Contestou xa?

-Contestou ENCE. Claro. A contestación foi feita por ENCE aos tres ou catro días. Que vai contestar o señor presidente, se está ás ordes dunha empresa! Que nen sequer respondese paréceme un despropósito dun presidente que é só unha marioneta de ENCE.

[A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, tela ao teu dispor no Sermos253, disponíbel xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios