Feijóo demora 4 días en cualificar de "equivocada" a frase machista de Cañete

Feijóo, nun acto do PP en Valverde del Camino (Huelva).

Catro días demorou Feijóo en facer unha avaliación da afirmación machista de Cañete. En plena campaña española, desde Sevilla, o presidente do PP de Galiza concede que a frase do ex ministro é "equivocada", mais ao tempo loa a súa xestión.

 

A primeira reacción de Feijóo foi a típica nel. A evasiva. Sexta feira, cando ardía twitter e todas as redaccións procuraban reaccións políticas, Feijóo lembrou ao mellor Houdini, o célebre mago escapista. Dixo daquela o presidente da Xunta que non vira o debate íntegro e que ignoraba as declaracións posteriores de Cañete.

Agora, como o resto do partido, e conscientes do dano que o escándalo lle pode estar a inflixir nas enquisas, Feijóo cambia de rexistro e admite que a frase sexista de Cañete -a de que non utilizou a súa superioridade intelectual perante Valenciano para non parecer machista- foi unha afirmación "equivocada".

Feijóo, ortodoxo

Porén, e só un segundo despois, Feijóo alíñase coa ortodoxia do seu partido e do seu chefe -Rajoy saíu en defensa de Cañete ao que cualificou de mellor candidato dos que se apresentan en campaña- ao loar a xestión do ex ministro, moi contestada nos sectores produtivos galegos.

"Produciuse unha frase equivocada de alguén cunha traxectoria e unha xestión moi acertada, sólida e cun currículo de servizos moi importante", dixo Feijóo.

A estratexia comunicativa do PP complétase cun contra-ataque ao PSOE. Así, Feijóo acusou o partido de Rubalcaba de "centrar a campaña nunha frase equivocada pronunciada por alguén cunha xestión acertada".

O PSOE, argumentou Feijóo, prefire montar a súa campaña sobre a afirmación machista de Cañete e non sobre "a xestión económica ou sobre o que fan os socialistas franceses". Feijóo pronunciouse nestes termos durante un coloquio organizado por El Mundo de Andalucía.