Sesión de control

Feijóo continúa a fechar a porta ao pacto de país contra o lume que lle oferece o BNG

O presidente da Xunta volveu negar que houbese precariedade de medios para combater os incendios e reiterou o argumentario do “terrorismo” incendiario. Aproveitou, de paso, para acusar algúns concellos de “non querer” brigadas municipais financiadas pola Xunta e dicir que a oposición empregaba “politicamente” a xente nas manifestacións.

Non figuraba a cuestión dos incendios na orde do día da sesión de control ao presidente da Xunta desta cuarta feira porque as perguntas rexístanse con anterioridade e porque a maioría do PP vetou unha alteración do pleno para axustar o seu desenvolvimento á análise da vaga de lumes. Mais a realidade sempre se abre paso e, como cabía agardar, a actualidade dictou a súa lei e as lapas apareceron no combate dialéctico entre presidente e oposición. Non sen polémica, certo. O presidente da Cámara, Miguel Santalices, a ollos das bancadas populares con falta de reflexos, tolerou que Ana Pontón dedicase a súa intervención a este asunto e non ao que figuraba orixinalmente na súa pergunta a Feijóo, a fuga de empresas da Galiza. Leiceaga, o portavoz do PSdeG, anunciou unha queixa formal: "A alteración de facto na orde do día deixa a oposición na indefensión". Santalices cortou a Luis Villares (En Marea) cando este iniciaba a súa exposición falando de lumes para instarlle a reconducir a pregunta á estipulada, Lei de Sanidade, mais as respostas de Feijóo si que versaron sobre os incendios. Por momentos, un ‘guirigay’ parlamentar.

 

Ana Pontón instou o presidente a non se esconder detrás das existencia de tramas ou “terroristas” incendiarios e a apostar nun cambio real de políticas para o rural e o monte. Pediulle a nacionalista que recoñecesen os erros cometidos e que se comprometese nesa liña a unha comisión de estudo do fenómeno dos incendios, visando unha modificación da política forestal e de combate contra os fogos. Unha base sobre a que poder erguer pactos amplos que garantan “enterrar o negocio do lume” e cambiar a xestión forestal.

 

Feijóo pasa

 

Non recolleu a luva Feijóo. Para alén de reiterar un argumento que o goberno e PP multiplican estes días (nunca houbo un outubro con tantos medios como este), acusou o BNG de non ter palabras de condena para os incendiarios. “Toda a condena é para a Xunta”. Esta mesma liña seguiu o presidente cando pasou a ler a carta dun asistente ás manifestacións desta segunda feira na que se queixaba de que as mobilizacións foran empregadas politicamente. Nen unha palabra, desde logo, sobre a posibilidade dunha comisión de investigación ou un pacto e acordo contra o lume.

 

“Que pasaría se non chega a chover?” comezou preguntándose Luís Villares (En Marea), que dixo que a xente” se sentira abandonada polo seu goberno no que define como “Domingo negro”. Santalices instouno a centrar a súa pregunta na Lei de Sanidade, tal e como se fixara hai días –antes da vaga de lume- na xunta de portavoces. Villares defendeu o dereito a realizar unha intervención explicativa. Na súa resposta, e como xa é habitual en Feijóo cando se enfronta a Villares, o titular da Xunta recorreu a argumentos ‘ad hominem’ e voltou a repetir algo que xa lle dixera a Ana Pontón: hai concellos que non quixeron brigadas municipais “financiadas pola Xunta”, mais sen dar nomes dos municipios.

 

Compromiso

 

Fernández Leiceaga (PSdeG), após lograr o compromiso verbal do presidente dun pleno extraordinario para falar dos incendios, perguntou sobre as quedas en produción e facturación marisqueira, cos prexuízos que iso xera a miles de familias na Galiza costeira. Hai perda de postos de traballo e de riqueza, incidiu o socialista. Núñez Feijóo apenas se inmutou ante os dados do portavoz socialista e contraatacou con outra fervenza de cifras para segurar o contrario: que nunca tanta produción e facturación houbera.