Feijóo asegura que os concellos insubmisos ao repagamento non cumprirán coa veciñanza

Nunha entrevista na Cadena Ser o presidente da Xunta dixo que dará explicacións sobre os floteis “se Pemex incumpre” se ben engade que el só foi “unha testemuña” do acordo entre a paraestatal e os estaleiros galegos. Tende a man a Besteiro e di que @s galeg@s están fartos dunha “oposición de pancarta”.

Núñez Feijóo
photo_camera Núñez Feijóo

Núñez Feijóo afirma que o compromiso de máis de 20 concellos galegos de asumir o custo que o repagamento farmacéutico tería para a súa veciñanza é un globo que se vai desinchar. O presidente da Xunta dixo, nunha entrevista na Cadea Ser, que “eles (por eses municipios) nunca pagaron un fármaco e teño. a sensación de que tampouco vai acontecer”. O mandatario galego opta pola vía do descrédito ante un movemento de concellos (tamén os hai do PP) que coa súa postura no repagamento escacha o discurso de que non hai outra vía posíbel que a dos recortes e cobro por servizos.

Feijóo mostrou a súa “sorpresa” por que haxa concellos que digan que van asumir eses pagos e lembrou que a lexislación do repagamento “é estatal, e nun estado de dereito as lexislacións aplícanse”.

Pemex: “Supoño que fará o que prometeron”

Na entrevista na mencionada emisora o presidente galego tamén se pronunciou sobre os floteis de Pemex. “Supoño que Pemex fará o que se comprometeu por escrito a facer”, dixo, para engadir que en caso de que a para-estatal non cumpra “darei explicacións”, se ben el foi só “unha testemuña” dos acordos de Pemex cos estaleiros galegos. Situou para “finais de novembro, principios de decembro” a decisión definitiva da empresa mexicana sobre en que estaleiros construirán os floteis.

Feijóo falou do compromiso da Xunta co naval (“evitamos que quebrasen varios asteleiros”) e botou responsabilidades fóra pola destrución de milleiros de empregos neste sector no noso país: Almunia e o tax-lease por unha banda. Mandatarios de Navantia, “que teñen unha responsabilidade”, por outra.

Opta por non se pronunciar sobre NGB

Sobre a poxa por Novagalicia Banco (NGB) e a perda de Galiza dunha ferramenta que xestionaba o 40% do aforro galego, o presidente autonómico sinalou que non sería bo pronunciarse pois antes hai que coñecer cal é a mellor das ofertas de compra e que ofrece cada un dos interesados.

Por último, Feijóo mostrouse partidario de “tender pontes” con José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG. Mais iso si, preguntouse se Besteiro ía optar por facer do Partido Socialista “unha verdadeira alternativa de goberno” ou ben “vai xogar a unha oposición tripartita”.

E no referente á oposición, considera que @s galeg@s están fartos de “pancartas e insultos” e piden responsabilidade.

Comentarios