Feijóo acusa a oposición de “facer política” coa dor dos familiares de afectados por Hepatite C

BNG. AGE e PSdeG emprazan o presidente a asumir responsabilidades e lémbranlle que é a propia Fiscalía, non as organizacións políticas, quen relaciona a morte de sete doentes con razóns orzamentarias, non sanitarias. “Non son cifras, son persoas e teñen nome”, dixo Francisco Jorquera.

Feijóo parlamento

Non foi unha sesión de control cómoda para Feijóo a desta cuarta feira, coa oposición unida en pedir explicacións pola morte de seis doentes afectados pola Hepatite C polo retraso en recibir o tratamento. O presidente da Xunta tivo que responder ás preguntas de BNG, AGE e PsdeG un día antes de que comparezan os dous cargos imputados por negar os fármacos. O xuíz abriu dilixencias por prevaricación mentres a Fiscalía ve indicios tamén de homicidio por imprudencia profesional.

“Non somos nós, é a propia Fiscalía, señor Feijóo, a que relaciona estas mortes cos recortes”. Francisco Jorquera (BNG)

Non pediu desculpas nin ve motivos para asumir responsabildiade algunha, como lle instou a oposición. Feijóo mantivo o seu relato: os casos denunciados son minoritarios dentro dos centos deles atendidos, non se pode relacionar eses falecimentos coas súas políticas de austeridade, actuouse estritamente con criterios profesionais. Ao que engadiu a acusación contra a oposición por “facer política” coa dor das familias dos doentes falecidos. É máis, o presidente mesmo asegurou que estaban a someter a un “xuízo sumarísimo” a sanidade pública galega.

“Están vostedes sós, e defendendo o indefendíbel”. Antón Sánchez (AGE)

Cifras

De pouco valeu que BNG, AGE e PSOE lle lembrasen que as persoas falecidas non eran cifras e que citasen o seu nome. “Non son números, teñen nome e son persoas”, dixo Francisco Jorquera (BNG). Antón Sánchez (AGE), acusouno de “non saber poñerse na pel dos que sofren”, o que tamén lle espetou Méndez-Romeu (PsdeG): “Vostede non ten empatía ningunha co sofremento”. Feijóo respondeu con cifras: de cartos investidos e dos centos de casos tramitados pola subcomisión de expertos. “Non se poden tramitar solicitudes como se fosen licencias de obra”, retrucoulle Jorquera.

“Doentes sen tratamento, é algo propio dun país terceiromundista”. Méndez Romeu (PSdeG)

O mandatario centrouse en que non se relacionase o acontecido con eses 6 doentes coa política sanitaria do seu goberno. Insistiu en que todo se fixo con criterios sanitarios e profesionais. Insistiu con ese argumento mesmo cando a oposición lle sacou as denuncias e informes de médicos e colexios profesionais alertando das graves consecuencias dos seus recortes neste campo. Tentou Feijóo enlamar o campo acusando á oposición de demagóxica por ver unha relación entre a austeridade e esas mortes (“é un disparate e un insulto”) cando é a propia Fiscalía a que na denuncia fixa ese nexo entre as mortes e “razóns orzamentarias”.

“É indigno que vostedes comencen a campaña empregando a Sanidade”. Núñez Feijóo.

BNG, AGE e PSdeG lembraron que o PP rexeitou no Parlamento as propostas e mocións presentadas, mesmo pola Plataforma de afectados, pedindo que se suministrase o tratamento aos doentes, sen a peneira da subcomisión de expertos. Feijóo mantívose nas súas trece. El non tiña por que pedir desculpas.

Comentarios