Feijóo abre o curso político na Coruña mentres as lapas devastan Galiza

Alberto Núñez Feijóo continúa desaparecido. O presidente da Xunta non visitou a zona afectada polo incendio en Monte Pindo.

Imaxe: Raínha Lupa cooperativa
photo_camera Imaxe: Raínha Lupa cooperativa

Mentres o alcalde de Carnota convocou un pleno extraordinario para declarar "zona catastrófica" a reserva natural calcinada polas lapas, o líder do PPdeG e presidente da Xunta de Galiza mantén para este sábado 14 de setembro a súa axenda e dá apertura ao curso político na Coruña acompañado por Carlos Negreira, mais non prevé desprazarse até O Pindo.

Daquela imaxe en 2009 dun Núñez Feijóo sofocando o lume cunha mangueira de xardinaría só queda o retrato nas hemerotecas. Após iniciarse o que até o momento é o maior incendio do verán na Galiza, no Monte Pindo, o líder do executivo galego non visitou a zona. Con máis de 2.000 hectáreas calcinadas e a viveza dun lume que continúa a pór en risco vivendas e persoas, Alberto Núñez Feijóo viaxará até A Coruña para participar nun acto organizado polo Partido Popular con motivo da apertura do curso político. Entrementres as lapas continúan avanzando e atópanse xa no Ézaro.

Sen visitar aínda a zona devastada, Feijóo estará o sábado na Coruña nun acto do partido


Zona catastrófica
Así as cousas, en Carnota continúan adiante os labores de extinción. Os riscos non diminúen e o vento de nordés --que malia amainar non cesa-- manteñen o nivel de alerta 1. Con máis de dúas mil hectáreas devastadas, a atención céntrase agora na paraxe natural arredor da desembocadura do río Xallas. Após devastar a totalidade da reserva natural do Pindo, o lume podería atinxir agora o espazo natural que acolle o único río europeo que desemboca en fervenza. 

Neste senso, o alcalde de Carnota, Ramón Noceda (BNG), convocou esta sexta feira un pleno extraordinario para declarar "zona catastrófica" o terreo devastado polas lapas e que se corresponde case por enteiro coa totalidade do Monte Pindo. Esta categorización permitiría acceder a fondos de urxencia para iniciar o proceso de recuperación da zona coa maior celeridade. Reivindicacións ás que se sumou esta mañá o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. 

O alcalde de Carnota visa declarar "zona catastrófica" o monte ardido e urxe fondos para a súa recuperación

O panorama é "dantesco", sentenciou o líder da organización frontista. "Pregunto a Feijóo se despois de ver arrasado a emblemática paraxe natural de Monte Pindo polas lapas, mantén que é unha campaña extraordinaria na loita contra o lume, nunha declaración que merece entrar na historia da irresponsabilidade política", inquiriu o nacionalista durante a súa visita ao Monte Pindo --onde tivo orportunidade de se reunir co rexedor municipal.

Reclaman unha outra política agraria e forestal 
Con dureza, Xavier Vence bateu contra as declaracións feitas polo presidente do executivo galego quen asegurou en comparecencia de imprensa após unha xuntanza ordinaria do Consello da Xunta que a media de hectáreas ardidas nesta campaña a facían "extraordinaria". 

O Bloque exixe unha outra política agraria e forestal e responsabiliza a "inacción da Xunta" do resultado dun incendio aínda vivo

“Precisamos unha política agraria e forestal que poña en valor os montes, tanto con usos agrogandeiros como de lecer, e iso é o que ten que facer o Goberno da Xunta”, reivindicou o voceiro do BNG acompañado pola deputada Ana Pontón e Goretti Sanmartín, membro da executiva nacional da fronte. Para o Bloque, o lume de Carnota  é “resultado directo da inacción do Goberno galego e do veto sistemático do PP no Parlamento galego a declarar o Monte Pindo como parque natural, como solicitou o BNG, o que suporía uns investimentos e unhas medidas de preservación que terían impedido o lume ou minizado os seus efectos”.

"Insolencia, inhibición e irresponsabilidade" gobernamental na orixe dos lumes

Así, asegurou que a súa formación apoiará a convocatoria dunha manifestación nacional contra a política forestal da Xunta anunciada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural e que terá lugar o vindeiro mes de outubro en Compostela. Aliás, uniuse ás reivindicacións deste movemento social para exixir a demisión d@s responsábeis de Medio Rural e Montes, como tamén fixo o PSdeG. 

Feijóo asegurou en 2005 que este "tipo de lumes" mide "a eficacia dos Gobernos"

@s socialistas lembráronlle a Feijóo as súas declaracións na altura de 2005 cando asegurou en Monte Pindo que a resposta perante "este tipo de lumes" medía "a eficacia dos Gobernos". Así mesmo, o daquela lider da oposición puña mesmo en dúbida cantos lumes se debían á actuación de piróman@se e canto "á insolencia, inhibición e irresponsabilidade" da Xunta.

Desde que se iniciou a campaña de incendios o Goberno de Núñez Feijóo atribuíu este e outros incendios a unha cuestión "de orde pública" e non aos recortes na política de prevención da Xunta. 

Comentarios