Falece Antonio Rodríguez, ex secretario xeral do PSdeG

Antonio Rodríguez. (Foto: Nós Diario)
O partido socialista lamenta o pasamento dunha das figuras políticas "máis relevantes na historia recente".

O PSdeG de Ourense expresou o seu profundo pesar polo falecemento de Antonio Rodríguez Rodríguez, unha das figuras políticas "máis relevantes da historia recente" e "peza chave do socialismo galego", cuxo legado político e humano "marcou varias xeracións de militantes".

A formación socialista destacou a traxectoria dun dirixente cuxa "fidelidade aos valores socialistas e dedicación ao servizo público" foi unha guía permanente da súa vida. "O partido perde un referente moral", sinalan desde a Executiva provincial, subliñando que a súa dedicación e coherencia "permanecerán vivas nas xeracións presentes e futuras".

Seis lexislaturas nas Cortes españolas

Nado na Peroxa (comarca de Ourense) en 1944, Antonio Rodríguez dedicou boa parte da súa vida a representar a provincia nas institucións do Estado español. Entre 1979 e 1993 exerceu como deputado no Congreso durante cinco lexislaturas, nun período clave da transición e dos primeiros anos da democracia, "defendendo con determinación os intereses dunha provincia que precisaba voz propia nas Cortes".

Posteriormente, entre 1996 e 2000, foi senador en representación da Galiza, mantendo "o seu compromiso coas diferentes comarcas ourensás e a súa vinculación directa coa cidadanía". Ao longo das seis lexislaturas parlamentarias nas que participou, destacou pola defensa dos "sectores máis vulnerábeis" e por un traballo constante para "achegar os recursos e prioridades do Estado ás necesidades reais da provincia".

Liderado ao servizo do socialismo galego

A súa actividade institucional estivo acompañada dunha intensa responsabilidade orgánica. Entre 1982 e 1985 foi secretario xeral do PSdeG e, máis tarde, presidente do partido até 1988, etapas decisivas nas que o socialismo galego consolidou "a súa presenza institucional e a súa capacidade de influír nas políticas autonómicas e estatais".

Mestre de vocación e político por compromiso, exerceu o liderado "desde a humildade e a escoita activa", defendendo sempre que a política debía estar ao servizo da xente. Desde Ourense, traballou para "garantir que a voz da provincia non quedase diluída nas dinámicas metropolitanas" e mantivo unha relación constante "co mundo rural e coas comarcas".

Un legado de "valores e coherencia"

Antonio Rodríguez encarnou, segundo o PSdeG, "o mellor do socialismo democrático: honestidade, rigor, compromiso coa igualdade e lealdade aos principios que deron sentido á súa vida". "A súa capacidade de diálogo e a súa xenerosidade intelectual" convertérono nun exemplo para varias xeracións de militantes.

"Morrerei sendo socialista", dicía. Hoxe, esa frase resume unha vida enteira de coherencia. A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense trasladou as súas condolencias á familia, amizades e militancia, asegurando que o seu legado seguirá guiando o traballo do partido na defensa da xustiza social, a igualdade, a democracia e o compromiso coa Galiza e Ourense.