"Se falamos con IU por que hai que excluír o PSdeG?"
Sermos entrevista, no seu número 190, Rafael Cuíña, alcalde de Lalín e dirixente de Compromiso por Galicia. A reformulación do nacionalismo e a forma de concorrencia ás próximas eleccións galegas son os elementos nucleares da conversa. Eis un avanzo dunha entrevista que na súa íntegra tes a golpe de clic, no enlace da nosa loxa.
Xa estamos en calendas pre-eleitorais e inevitabelmente toca pronunciarse. Nas xerais, Compromiso optou por non apresentar candidatura. Que cres que debería facer agora nas galegas?
Eu apoiei no seu momento a Iniciativa pola Unión e a candidatura de Nós, que non saíu ben. Cada elección ten os seus componentes diferenciais. Eu quería un grupo galego no Parlamento español. O tempo demostrou evidentemente que isto non era posíbel [coa fórmula da Marea] fronte ao que prometían os que dicían que si o era. Agora o que toca é facer un esforzo claro de xuntarse para que o que levamos dicendo desde hai moito tempo, rematar coas políticas do PP, sexa posíbel. Compromiso ten que sumar para logo multiplicar. Xa sexa coa Marea -aínda que non valería en calquera circunstancia, habería que falalo- ou con outras organizacións.
A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, tela ao teu dispor no número 190 do Sermos Galiza, xa nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.