Fabiola García defende na Cámara a "psiquiatrización" das residencias
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, defendeu a inclusión en centros de maiores de persoas con patoloxías psiquiátricas, argumentando que a súa condición non pode supor "un obstáculo" para que ocupen esa praza se lles toca, polo que pediu non "discriminalas". Así respondeu esta cuarta feira no Parlamento a unha interpelación formulada pola viceportavoz parlamentaria e deputada do BNG, Olalla Rodil, sobre esta situación.
A nacionalista denunciou que a Xunta da Galiza interna en residencias de maiores persoas que necesitan "servizos doutras características que non son, en ningún caso, os que se prestan nesas residencias".
Segundo datos que, sinalou, ofrecía o ano pasado a Asociación Galega de Inspectores de Servizos Sociais, dependente da Consellaría de Política Social, ao redor de 40% das persoas que son derivadas a unha residencia de maiores pola vía de emerxencia social eran pacientes destas características.
En 2023, continuou, había na Galiza 593 persoas menores de 65 anos que ingresaron en residencias de maiores.
Sobrecarga de traballo e situacións de conflito
A isto engadiu a falta de formación dos traballadores e traballadoras de residencias. "Unha persoa xericultora non ten información, nin recursos, nin capacidade, nin compañeiras suficientes para atender estas persoas como merecen e necesitan. Estas persoas o que necesitan son recursos especializados, pensados e deseñados para atender as súas necesidades", reclamou, denunciando que se xera unha "sobrecarga de traballo enorme" nos cadros de persoal, ademais de situacións de conflito, o que ten denunciado o propio persoal das residencias a través de mobilizacións.
Pola súa parte, Fabiola García asegurou que a Xunta traballa para garantir a "máxima calidade asistencial" nas residencias de maiores e explicou que os ingresos nestes centros realízanse en función do estipulado na normativa vixente.