O BNG denuncia a ocultación pola Xunta dos expedientes abertos ás residencias de maiores

A deputada nacionalista Olalla Rodil denuncia que a Xunta impide "de forma sistemática" o acceso dos grupos da oposición aos expedientes iniciados nas residencias DomusVi.
A deputada do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz do grupo parlamentar do BNG, Olalla Rodil, denunciou a negativa da Xunta da Galiza a remitir a información solicitada pola súa formación sobre as inspeccións e expedientes abertos a residencias de maiores.

"É indignante" a "conivencia entre a Xunta e  DomusVi" sobre todo despois de coñecer a "vacinación irregular" da conselleira delegada e do seu irmán "saltando todos os protocolos estabelecidos", manifestou a deputada, que asegurou que a Xunta impide "de forma sistemática" o acceso aos expedientes iniciados nas residencias DomusVi.

En concreto, sinalou que, desde que comezou a lexislatura, a súa formación formulou diferentes peticións para coñecer a situación en que se atopan as residencias deste grupo responsábel de xestionar 20% das prazas privadas na Galiza. Ademais, indicou que o Goberno galego tamén oculta o expediente na residencia Nosa Señora dos Remedios de Ourense.

Rodil considerou "vergoñoso" que a documentación remitida sobre a situación das residencias ao Parlamento sexa de "11 follas que non achegan ningunha información significativa".

Parar os despedimentos

Esta sexta feira, 5 de febreiro, o BNG instou a Xunta a exercer “presión política para frear a avalancha de despedimentos e de fechamentos de oficinas” do Banco Santander na Galiza. A portavoz de Economía do BNG, Noa Presas, enmarcou o ERE en curso do Santander nunha “nova ofensiva de recortes e despedimentos por parte das entidades bancarias para continuar a aforrar custos coa desculpa da Covid-19”.

Presas lembrou que en 2017, cando o Santander adquiriu "por un só euro" o legado do Banco Popular-Pastor, había no país 415 oficinas e 2.430 persoas traballando nos tres bancos. “Tres anos despois no Santander estaban a traballar 1.777 persoas, case mil menos, e estaban abertas 234 oficinas, a metade”, advertiu.

Comentarios