O ex alcalde de Cee, acusado de prevaricación, será xulgado a vindeira semana

Tamén catro concelleiros membros da xunta de Goberno local están acusados por mor da contratación dunha obra.
Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)
photo_camera Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)

Na Audiencia da Coruña terá lugar os días 22 e 23 o xuízo contra o que foi alcalde de Cee en 2015 e catro concelleiros membros da xunta de Goberno local pola contratación dunha obra.

Están acusados en concreto dun delito de prevaricación administrativa, e como coautores, A Fiscalía pide para cada un unha pena de inhabilitación durante 12 anos.

As acusacións

En concreto, en maio de 2015 acordouse licitar o expediente do acondicionamento da rúa Rosalía de Castro a través dun procedemento aberto de contratación da Lei de Contratos do Sector Público.

Previamente, a contratación iniciouse a través dun procedemento negociado pero mudouse, segundo explica a Fiscalía, pola ausencia de licitadores. "Sendo desde tal momento o acordo executivo e firme, aínda que o expediente de contratación non chegou a terminarse", engade.

Con todo, en xuño de 2015 produciuse un cambio de corporación entrando como alcalde o agora acusado, Ramón Vigo e os concelleiros que sentarán tamén no banco dos acusados.

"Unha das primeiras medidas do novo alcalde foi ditar providencia pola que se dispuxo que se iniciasen os trámites para seguir o expediente de contratación da obra polo procedemento negociado e sen publicidade", a pesar dos informes desfavorábeis, sinala, da secretaria municipal e a interventora que o cualificaron de "ilegal e arbitrario".

"A pesar do anterior, todos os membros da corporación municipal agora acusados, seguindo as instrucións do alcalde, votaron a favor do acordo", sostén o Ministerio Público que alude a que supoñía contravir "a legalidade administrativa" e que os acusados eran coñecedores diso.

Comentarios