O Estado agarda que a Xunta se sume a cofinanciar pisos públicos

A ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, reiterou esta quinta feira en Compostela o chamado á Xunta da Galiza para que se sume ao Acordo de Vivenda que triplicará os fondos —até 380 millóns de euros— para construír vivenda pública no país. A conselleira do ramo, María Martínez Allegue, afirmou que o Goberno galego estaría "disposto a participar" e a portavoz do BNG, Ana Pontón, exixiu a Alfonso Rueda que acepte a proposta.
Lestegás, Sanmartín, Rozas, Martínez Allegue, Rivas e Rodríguez, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)
Lestegás, Sanmartín, Rozas, Martínez Allegue, Rivas e Rodríguez, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)

Isabel Rodríguez visitou a capital galega para se reunir coa alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín. A ministra trasladou á alcaldesa nacionalista que a nova empresa pública estatal inscribirá a parcela do antigo Peleteiro, no Ensanche de Compostela, e que, tal e como anunciou, contará con "100% de vivendas accesíbeis". Isto é, que as persoas inquilinas non teñan que destinar máis de 3o% da súa renda a pagar o alugueiro. "Todo o que se promova sobre solo público ha de ser 100% accesíbel e protexido para sempre”, salientou a ministra.

Sanmartín, pola súa parte, puxo o foco nas dificultades para acceder a unha vivenda. “Contar cunha vivenda digna e a un prezo accesíbel é a principal preocupación da nosa veciñanza. Esta carestía non é casual: é o resultado de tratar a vivenda como un negocio e non como un dereito básico que as administracións teñen a obriga de garantir”, sinalou. A ministra aplaudiu o traballo do Concello de Compostela para ser declarado como zona de mercado tensionado e regular así os prezos do alugueiro da vivenda.

Isabel Rodríguez manifestou que espera asinar "canto antes" a proposta trasladada por Pedro Sánchez ás comunidades na Conferencia de Presidentes dun plan estatal para financiar 60% da construción de vivenda pública —o outro 40% achegaríano as autonomías—, que ve "bastante razoábel" e no que agarda que a Xunta da Galiza participe.

A proposta suporía elevar a 380 millóns de euros o investimento en políticas públicas de vivenda na Galiza, fronte aos 106 millóns do anterior Plan estatal. A cambio, se até o de agora a Xunta achegaba 23% ao gasto anual en vivenda, o Goberno estatal pídelle chegar a 40%. Ese esforzo extra tradúcese en 31,8 millóns de euros de achega anual por parte do Executivo galego.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, incidiu esta quinta feira en que a Xunta da Galiza está disposta a participar nese cofinanciamento e negou que houbese un "cambio de criterio" do Goberno galego. Os Executivos autonómicos do PP acudiran á Conferencia de Presidentes do 6 de xuño co rexeitamento ao plan de vivenda do Estado baixo o brazo. Algo que tamén esta quinta feira lle reprochou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a Alfonso Rueda. Reclamou a nacionalista ao titular da Xunta que “abandone o guión que lle mandan desde Xénova e non desaproveite a ocasión para obter máis recursos do Estado”.

127 millóns sen executar en 2024

Precisamente, Pontón criticou a política da "propaganda" dun Goberno galego que en 2024 deixou sen executar 127 millóns en materia de vivenda. A líder nacionalista recordou que o acceso á vivenda é un dos problemas máis importantes que teñen os galegos e as galegas e ao que o Goberno presidido por Rueda, "lonxe de dar resposta", contribuíu, "dinamitando durante 16 anos a política social de vivenda" e "case paralizando a política de vivenda pública".

Comentarios