Seis formacións piden no Senado actuar contra a Xunta pola 'metida de zoca' na pesca fluvial
Permitiu esta actividade malia non estar autorizada até a Fase 2.
Unha iniciativa presentada no Senado pide censurar a Xunta pola súa “decisión unilateral” de autorizar a pesca nos ríos cando, por mor da pandemia do coronavirus, esta actividade non está permitida até a Fase II do proceso de desconfinamento.
A iniciativa está presentada pola denominada Esquerda Confederal, que integran Catalunya en Comú-Podem, Máis Madrid, Geroa Bai, Més por Mallorca, Compromís e Adelante Andalucía.
Reclaman "accións contra cargos públicos da Xunta" pola súa actitude xa que o Goberno español "deixou claro" o sábado que nin sequera pesca o deporte ou a caza poderán reiniciarse antes da Fase 2, se ben o ministro de Sanidade, Salvador Illa, indicou que estudarán a súa inclusión na Fase 1.
Estes grupos queren censurar a actitude da Xunta "con carácter de urxencia", xa que o Goberno galego a través do Ministerio da Consellaría de Ambiente galego autorizou a pesca deportiva.
En concreto, preguntan no Senado se o Goberno español vai tomar "algunha medida para evitar que estas interpretacións se traduzan en permisos de actividades vetadas ata a Fase 2", e se o executivo central sabe que estas interpretacións nesgadas "poden supoñer. multas para persoas que só cumprirían coas consideracións dun goberno como a Xunta".
Denuncian, aliás, que a Xunta pon o seu interese particular e electoral "por diante do interese xeral" para superar a pandemia de coronavirus.
Adega, Ríos con Vida e a Federación Galega de Pesca presentaron a finais da semana pasada un escrito ante a Delegación do Goberno na Galiza para que “estude e confirme a legalidade e a competencia da apertura xeralizada da pesca fluvial”, acordada polo Goberno galego o pasado 5 de maio por resolución de Vicepresidencia e da Consellaría de Presidencia.
Tras ter sido suspendida a pesca recreativa do 15 de marzo ao 5 de maio, a Xunta restabeleceu o seu exercicio “sen cumprir o plan de desconfinamento acordado polo Consello de Ministros do pasado 28 de abril, polo cal a volta desta actividade está prevista para o 25 de maio. Este acordo autonómico contradí incluso a propia actividade da Xunta en canto ás súas propostas ao Goberno español sobre as distintas fases do desconfinamento”, denunciaban.