ALEXANDRA FERNÁNDEZ, NÚMERO 1 DE EN MAREA POR PONTEVEDRA

"Este espazo é posíbel que teña unha maioría tan ampla porque ten en si mesmo tamén contradicións"

Foi un dos rostos de En Marea durante a brevísima lexislatura do 20D e volta a selo nesta campaña fría, estraña e átona cuxa recta final xa albiscamos. Entrevisto por telefone a Alexandra Fernández (Vigo, 1988), esta segunda feira de campaña por Pontevedra e A Estrada. Militante de Anova, afirma que non é socialdemócrata: "O noso programa vai máis alá".

Alexandra Fernández


-Como está indo a campaña?

-É unha campaña que nós entendemos de continuidade co noso traballo, non tanto de grandes mitins ou de grandes despregues mediáticos, non?, de grande parafernalia, senón de traballo, esta é unha segunda oportunidade de reunirnos cos colectivos, para voltar a falar coa xente e o enfocamos desde ese sentido.

-Desde fóra, mesmo porque apenas se ve cartelaría nas rúas, estase a ver unha campaña fría, átona. Desde dentro como a estás vivindo?

-Bon, é o que comentaba, non? estamos facendo moito traballo de reunirnos con colectivos, para levarmos iniciativas ao Congreso, mais tamén co obxectivo de irmos facendo rede para ensanchar o espazo da Marea, tamén pensando de cara ás autonómicas e de que ese proceso está en construción. Nese sentido, atopamos unha resposta moi positiva. A xente valora positivamente o traballo que se fixo por parte de En Marea, que é hoxe esa ferramenta para trasladar as demandas da maioría social. Nese sentido, notamos bastante respaldo na rúa.

Alexandra Fernández. En Marea. Campaña das xerais 2016.-Tes unha sensación de remake ou esta é unha campaña distinta á que houbo antes do 20D?

-Bon, o que si é certo é que o que se pon enriba da mesa é en boa medida o que xa se apresentou o 20 de decembro. O que creo que se apresenta como novidade é que temos a experiencia previa das posibilidades de pacto. A primeira volta estaba todo moito máis aberto, agora temos claro que as dúas alternativas son ou a grande coligazón cun goberno que manteña as políticas do PP e as que manda a troika ou un goberno de cambio que ten que pasar por que as forzas de cambio lideremos esa alternativa para que o PSOE teña que mirar a esquerda.

-Como valorades a proposta que vos fixo o BNG de facer un debate galego cos líderes políticos galegos, unha proposta que trasladou a Feijóo, Leiceaga e a ti propia como portavoz de En Marea?

-Eu creo que todo o que sexa confrontar ideas, confrontar programas, é positivo. 

-Por que apenas estades a falar en campaña da cuestión do grupo parlamentar que, en troca, si foi unha especie de mantra na carreira cara ao 20D?

-Porque tamén partimos do coñecimento dese bloqueo por parte da mesa do Congreso. Somos conscientes da negativa do PP, PSOE e CS a ese grupo parlamentar proprio. Nós seguimos mantendo esa vontade de constituír ese grupo parlamentar. Haberá que ver a correlación de forzas que se dá desta volta na Mesa para poder modificar ese regulamento e que iso permita esa representación do grupo parlamentar de En Marea.

-E mentres non se dá reformado o regulamento, que marxe de manobra realmente tendes no grupo parlamentar que lideraría Pablo Iglesias?

Campaña Alexandra Fernández En Marea eleccións xerais 2016-Mira, eu en principio sigo apostando por que teñamos ese grupo parlamentar propio. Despois o que vivimos estes meses durante o grupo confederal foi que mantivemos esa capacidade de tomar as decisións desde En Marea, que era unha coligazón instrumental nas marxes legais que dá o Parlamento, pero logo a actividade política non se acaba na institución, a actividade política faise no país, nas rúas, faise falando cos colectivos, e aí a toma de decisións da propia En Marea faise desde Galiza.

-O voso socio, Podemos, está poñendo moita énfase na auto-cualificación como socialdemócrata. Ti sénteste identificada nesa etiqueta?

-Non, eu entendo que ese non é o noso programa, pero si que entendemos que nun momento de ofensiva das políticas neoliberais que está facendo o PP ese [o da socialdemocracia] pode ser o marco mínimo para poñernos de acordo co Partido Socialista como primeira medida para acabar con esas políticas do PP. Desde logo non é o noso programa. Non defendemos un programa socialdemócrata. Defendemos un programa que vaia máis alá, de ruptura democrática, de abrir un proceso constituínte. Pero somos conscientes de que temos que atopar un marco común. Esa ten que ser unha parte, a defensa das maiorías, a redistribución da riqueza, pero logo tamén hai outra que ten que ver coa necesidade dunha profundización democrática que defendemos nós na propia construción de En Marea. O momento político que vivimos de separación entre a actividade institucional e o que sucede na rúa require comezar a mudar esa forma de facer política e que se faga esa profundización democrática que restitúa o poder do pobo dentro das institucións.

- Cais serían as túas primeiras iniciativas como deputada?

- Bon, é difícil pensar nunha. Os problemas son moitas veces transversais. Diría unha batería delas, pero ben a primeira sería a cuestión da AP-9, é imprescindíbel que se leve canto antes ao Congreso, a posibilidade de que sexa a gratuíta e se faga a transferencia. A cuestión de Ence tamén nos parece imprescindíbel e, como xa da anterior vez conseguimos que se levase adiante, cremos que é urxente trasladar o asunto ao Congreso canto antes.

- Ti teste definido como independentista. Non che produce algunha contradición ir ás eleccións cunha forza política, Podemos, que se ten gabado de derrotar e frear as forzas soberanistas en Euskadi e Catalunya?

-Se vamos a buscar digamos o entendemento absoluto pois non estariamos participando nun espazo amplo, non? Eu creo que este espazo é posíbel que teña unha maioría tan ampla porque ten en si mesmo tamén contradicións, pero o que pasa é que sabemos distinguir as cuestións que nos parecen prioritarias agora e buscar eses espazos amplos sobre as cuestións que poden ser máis secundarias neste momento ou non están no primeiro plano. Nós chegamos a un acordo desde o ponto de encontro do respeito ao direito a decidir dos pobos, máis alá do que defenda cada un ou da visión que tería no caso de ter que votar, non?, nese posíbel referendo. Máis alá diso o que si temos en común é que hai que abrir un proceso de reformulación do Estado e que se ten que basear no direito a decidir dos pobos. Iso é o que nos permite aglutinar este proxecto e termos un espazo común.
 

As fotos da campaña están tiradas de @aKollantai

Comentarios