Erros no rastrexo de contactos e máis precariedade laboral na Enfermaría en plena pandemia

O doutor Tato Vázquez recoñeceu en comisión parlamentar que o sistema empregado na Galiza para o rastrexo de contactos de positivos en coronavirus é "mellorábel" e que se producen "erros". Seguiulle a enfermeira Catuxa Lagarón, que exixiu pór fin á precariedade laboral do seu colectivo e elevar a ratio por paciente.
Terceira xornada de comparecencias na comisión de reactivación do Parlamento (Foto: Arxina)
photo_camera Terceira xornada de comparecencias na comisión de reactivación do Parlamento (Foto: Arxina)

O sistema de rastrexo dos contactos de positivos en coronavirus na Galiza é "mellorábel", porque "nalgúns momentos existen erros de coordinación", recoñeceu esta sexta feira, 6 de novembro, o doutor Tato Váquez Lima, membro do comité técnico da Xunta para a xestión da pandemia e presidente da Sociedade española de urxencias e emerxencias, no marco da súa comparecencia na comisión parlamentar para a reactivación económica, social e cultural da Galiza. 

Vázquez Lima, que tamén é xefe de urxencias do Hospital  do Salnés, explicou que existe un documento no seo do comité que marca que o rastrexo de contactos o debe realizar a central de seguimento do Servizo Galego de Saúde (Sergas), mentres que a Atención Primaria debe ocuparse dos casos confirmados de coronavirus e os servizos de medicina preventiva deben controlar as e os pacientes ingresados e se existen gromos nalgunha zona dos hospitais. 

"Non lle vou mentir, estou convencido de que é mellorábel e que nalgúns momentos existen erros de coordinación", recoñeceu Vázquez Lima, quen con todo explicou que o labor do órgano asesor de  Sanidade é "facer recomendacións". "O cumprimento desas recomendacións non é a nosa misión", senón que corresponde  "á xente que goberna".

Así respondeu á interpelación realizada pola deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, que denunciou que a Xunta se negue a informar sobre o número de rastrexadores que hai na Galiza e aproveitou para reclamar o incremento do orzamento para a sanidade pública, especialmente para Atención Primaria, ao tempo que denunciou a permanente saturación das urxencias. 

Pola súa banda, a deputada do Partido Popular, Encarnación Amigo, interpelou o doutor para defender que a incidencia da Covid-19 na Galiza é "mellor que a media de España" porque, segundo dixo, ten "mellores sistemas de rastrexo". Con todo, o doutor recoñeceu que de non tomárense medidas como as xa postas en marcha, teríamos as UCI "en 20 días até arriba".

O deputado do PSdeG Julio Torrado puxo o foco no "déficit" de recursos humanos á hora de contratar, o cal relacionou con que outras comunidades e países "se aproveiten" da capacidade da Galiza para formar profesionais.

Vázque Lima concluíu instando a revisar as condicións salariais do sector e ofrecer condicións laborais "xustas" que baixen dunha interinidade que "rolda 30%", sendo mesmo maior en urxencias.

Soportar unha precariedade insoportábel

"Hai que rematar coa precariedade e a eventualidade", pediu a líder da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón, na segunda parte da comisión de reactivación, con motivo da exposición de Catuxa Lagarón, representante do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita.

Na Galiza existiron dificultades para ter ou producir material básico como equipos de protección (EPI) ou luvas

A sanitaria relatou as condicións laborais precarias das máis de 11.000 enfermeiras que conforman as listas de contratación temporal do Sergas e denunciou que a xestión das súas contratacións pola Administración as deixa "sen dereitos mínimos como son as baixas laborais, permisos remunerados por enfermidade ou falecemento de familiares, vacacións...".

Lagarón explicou como encadean contratos entre a fin dun día e o comezo doutro, chegando a traballaren 20 ou 25 xornadas consecutivas sen ningún día de libranza, "incumprindo os períodos de descanso que marca a lei".

"Vivimos pendentes do móbil",  continuou, "xa que non coller a chamada que pode ofrecer un contrato penalízanos con 12 meses ao final da lista de candidatos", explicou. Iso súmase a que "a conciliación familiar é imposíbel ao seren chamadas para incorporarse de inmediato", e tardan "unha media de 12 anos en conseguir praza a pesar de aprobar todos os exames. Na última oposición, a persoa con mellor nota quedou sen praza", afirmou. E iso acontece cando a Galiza ten "das peores ratios de enfermeiras por doentes do Estado e de Europa".

"O aumento da precariedade laboral repercute na calidade asistencial" alertou Lagarón

Isto, sumado a que "o aumento da precariedade laboral repercute na calidade asistencial" valeu de impulso a Lagarón para exixir a realización dunha grande oferta de emprego público que inclúa todas as prazas de nova creación -englobando as que levan sen cubrirse desde 2012 pola taxa de reposición- e pediu modificacións legais para que se garanta o emprego estábel e de calidade.

O sector da investigación reprende a Xunta polo seu escaso apoio ao coñecemento

Elena Lendoiro, representante do colectivo InvestiGal, alertou na comisión de reactivación das consecuencias do insuficiente investimento en I+D+i que padece a Galiza e da aposta por unha economía baseada no sector servizos. As consecuencias son "nefastas", dixo, sinalando a destrución masiva de emprego cando o consumo deses servizos decae, o que nos deixa a mercé doutros países. A baixa aposta da Xunta pola investigación tamén provocou que a resposta á pandemia fose máis lenta.

"Na Galiza existiron dificultades para ter ou producir material básico como equipos de protección (EPI) ou luvas", explicou Lendoiro. InvestiGal instou o Parlamento a alcanzar un pacto galego pola investigación.

Mentres que a oposición comulgou coa exposición de Lendoiro, o deputado do PP Martín Fernández botou balóns fóra sinalando que o aumento do I+D+i no PIB está "lastrado" por mor do sector privado, en que 90% das empresas "non chega a tres empregados".

Comentarios